Comeza 'Culturkata 2022' cunha exposición de produtos innovadores ideados polo alumnado
Por Oskar Viéitez
Coincidindo coa conmemoración, este xoves 21, do Día Mundial da Creatividade e a Innovación, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación abriu a programación de Culturkata 2022.
Baixo o título de "Talento creativo e innovador", unha mostra que pode contemplarse na planta baixa do centro reúne nunha serie de paneis os 19 produtos innovadores que preto de 90 alumnos do grao en Publicidade e Relacións Públicas idearon como traballos para a materia Seminario de innovación.
Este grupo de primeiro curso foi quen de xerar en 20 minutos, 1.200 ideas de produto. Delas, 19 foron posteriormente desenvolvidas polos diferentes grupos participantes, nunha actividade que foi presentada como un exemplo dun proceso real de innovación e na que tiveron que facer fronte ao filtrado de ideas e o posterior desenvolvemento dos produtos que escolleron, así como dos seus plan de márketing e comunicación e relacións públicas.
Por último, este xoves completouse o proceso coa exposición pública das súas ideas de produto, que debían resumir nos paneis que integran esta mostra, así como defender publicamente diante dos seus compañeiros.
Así, esta actividade permite coñecer propostas como as dun test para detección de drogas en bebidas, un neopreno con grosor adaptativo, unha aplicación que programa música en función do estado de ánimo, unha pantalla intelixente que escanea a roupa e elixe as mellores combinacións, un semáforo intelixente ou uns lentes tecnolóxicos.