Entra en funcionamento o novo punto de atención á cidadanía da Garda Civil en Vilanova
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, visitaba este martes as novas dependencias que a Garda Civil en Vilanova de Arousa. Durante a súa intervención expresaba a súa satisfacción porque a veciñanza de Vilanova de Arousa e da contorna volva sentir "a proximidade da Garda Civil".
Ao acto asistiron o alcalde Gonzalo Durán e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; e os principais responsables da Garda Civil na zona para revisar as instalacións e participar na súa posta en funcionamento.
Vilanova, ademais de Bueu, era un dos dous únicos municipios da provincia cunha poboación superior a 10.000 habitantes que non contaban con atención directa da Garda Civil, explicou Larriba, ao indicar que se cumpría cunha vella reivindicación veciñal. Agradeceu ao Concello a súa colaboración e dispoñibilidade para proporcionar un espazo no que facer realidade a presenza física da Garda Civil no municipio.
A subdelegada agradeceu o traballo do coronel Venzal, que "traballou para que un núcleo como Vilanova de Arousa puidese contar cun servizo de atención directa á cidadanía".
A partir de agora a poboación de Vilanova evitará desprazarse a outras localidades para realizar xestións ou recibir información por parte da Garda Civil, segundo argumentou Maica Larriba.
DATOS DE SEGURIDADE
A representante do Goberno afirmou que as cifras demostran que Vilanova de Arousa é un municipio "moi seguro"´. O incremento de infraccións penais rexistradas no primeiro trimestre débese á reactivación social e económica tras a pandemia.
Rexistráronse 83 infraccións penais entre xaneiro e marzo deste ano. Trátase de menos dunha denuncia ao día, explicou Larriba. 43 destes casos, o 51% do total, son delitos contra o patrimonio e oito delitos contra as persoas. O 57% de todas as infraccións xa foron esclarecidas, segundo os datos da Subdelegación, neste primeiro trimestre.
Sinalou que a presenza directa da Garda Civil co novo punto de atención aumentará aínda máis a seguridade.