Proponte, a nova ferramenta que agrupa o tecido asociativo de Pontevedra
Por Diana Eiras & María José Pita
A Concellería de Benestar Social de Pontevedra acaba de poñer en marcha o programa Proponte, unha páxina web dentro do novo portal do Servizo Municipal de Benestar onde se agrupa todo o tecido social da cidade e que vai ser un instrumento para a difusión de actividades e consulta de recursos.
O concelleiro desta área, Marcos Rey, explicaba que este programa segue os principios da 'glocalización', é dicir, "pensar globalmente e actuar localmente" e de non deixar fóra ninguén "abranguendo os ámbitos urbano e rural". Deste xeito, o proxecto pretende tecer unha rede de participación e transformación social "próxima, aberta e flexible".
Proponte busca promover investigacións, estudos, enquisas, reunións de persoas expertas, grupos de traballo e cantas iniciativas se consideren necesarias para afondar no coñecemento do tecido asociativo, así como ordenar e analizar a información dispoñible.
Entre as liñas de axuda que se contemplan dentro deste programa, o edil de Benestar Social explicaba que se inclúe "asesoramento técnico na posta en marcha e consolidación do tecido asociativo; apoio á iniciativa social para a creación de asociacións e a elaboración e avaliación de proxectos que fomenten a participación cidadá, e colaboración na organización de eventos e encontros locais que propicien o coñecemento de experiencias en materia asociativa".
Marcos Rey avanzaba que xa forman parte deste proxecto máis de 50 colectivos e entidades sociais da cidade e das 15 parroquias, "entre as que se inclúen as asociacións socio-sanitarias, as asociacións de inserción laboral, as de acción social, as de migracións, as que forman parte do que chamamos Proponte Rural e outras asociacións colaboradoras".
Precisamente o logotipo de Proponte fai referencia a esta confluencia entre os colectivos e asociacións da cidade e o rural. "Unha árbore cun tronco que conforman o Concello e o tecido asociativo da cidade e 15 pólas que representan ás parroquias", sinalou Marcos Rey.
Ademais, elaborarase un Mapa de Acción Comunitaria e cederanse espazos funcionais, tanto interiores como exteriores que poidan acoller todo tipo de actividades asociativas, de xeito que, como afirmou o socialista Marcos Rey, "se consoliden espazos de proximidade para que a veciñanza participe como motor da vida comunitaria tanto en ámbito rural como no urbano".
O programa Proponte será presentado ante diversos colectivos e entidades do terceiro sector este sábado 30 de abril ás 11:00 horas no salón de actos da Residencia de Maiores de Campolongo.