Reabre o parque infantil das Palmeiras tras un mes pechado para mellorar a súa seguridade
Por Redacción
Un mes despois do seu peche para acometer melloras de seguridade e renovación dos seus elementos, o parque infantil das Palmeiras, en Pontevedra, está de novo ao dispor dos máis pequenos.
Así o anunciou a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural tras acometer durante as últimas semanas traballos de conservación por valor de 43.820,15 euros.
En concreto os labores realizados supuxeron a reparación da totalidade dos elementos de xogo, substituíndo aqueles que se atopaban deteriorados, e a completa renovación do pavimento para adaptalo aos requisitos de seguridade que establece a normativa.
"O proxecto de renovación integral deste concorrido parque infantil das Palmeiras tamén supuxo a creación dunha costa de acceso á zona de xogo, o que elimina o problema de accesibilidade creado pola pequena elevación da área de lecer infantil sobre a cota das sendas que conectan os distintos espazos do parque", explicou nunha visita ao lugar o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
Os traballos prolongáronse durante varias semanas xa que "foron moi exhaustivos", coa retirada de todo o pavimento deteriorado, o pintado e mellora estéticas de todas e cada unha das súas estruturas, a eliminación de pintadas e o lixado e tratamento dos elementos de madeira, sinalou o concelleiro.
Tras esta actuación o Concello ten previsto realizar restaurar durante as próximas semanas outras zonas de xogo do centro urbano "como o parque de maiores das Palmeiras, anexo a este", así como un zafarrancho de reparacións e melloras en todos os parques infantís do barrio de Monte Porreiro.
Relacionadas:
-
Restricións de aparcamento na Parda para facilitar unha mobilización de limpeza
Por Redacción |
-
O parque infantil das Palmeiras pechará durante tres semanas para unha renovación integral
Por Raquel Currás Martínez |
-
O parque infantil da pasarela de José Adrio estrea xogos adaptados
Por María José Pita |
-
Aumentan o espazo reservado para o parque infantil da 'pasarela' de José Adrio
Por Redacción |