O Pleno da Deputación rexeita a petición do PP dun plan de axudas para paliar os efectos da inflación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra rexeitou a petición do Partido Popular dun plan provincial de axudas directas, a través dunha modificación de crédito orzamentaria, destinada a apoiar aos sectores económicos da provincia afectados pola inflación e o incremento desmesurado dos prezos.
A portavoz do PP, Pepa Pardo, explicou que cunha inflación desbocada do 9,8%, por encima da maior parte dos países de nosa contorna, disparada pola escalada vertixinosa do prezo dos produtos enerxéticos, carburantes e materia prima, "se hace necesario que todas las administraciones sin excepción y sin excusas adopten medidas urgentes, también la institución provincial".
O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera, lembrou que neste mesmo pleno acabábase de aprobar, cos votos de PSOE e BNG e a abstención do PP, un suplemento de crédito de 1,5 millóns de euros para facer fronte ao incremento no prezo da enerxía eléctrica nas dependencias desta administración provincial.
O vicepresidente reiterou que "a Deputación non ten unha máquina de facer diñeiro" e ademais "non ten ningunha competencia e non pode intervir" nestes asuntos económicos, algo que lles corresponde ao Estado e ás Comunidades Autónomas.
O deputado responsable da área económica e portavoz do PSOE, Carlos López Font destacou a "falta de coherencia del Partido Popular" pedíndolle que "rectifique" a súa moción e que a dirixa á Xunta de Galicia "y que prediquen con el ejemplo".
Na súa quenda de réplica, Pepa Pardo citou o exemplo da Deputación da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, na que se aprobou un programa de medidas urxentes para paliar o impacto do incremento do custo do combustible nos sectores agrario, gandeiro, pesqueiro e do transporte."Son ustedes unos auténticos sectarios" acusou Pepa Pardo, que criticou que o Goberno provincial "se gasta 2,3 millones de euros en propaganda de la presidenta". Carmela Silva interveu neste punto do debate para puntualizar que iso "é absolutamente falso, e vostede sábeo"
César Mosquera indicou que, aínda que a Deputación dedicase todo o seu orzamento en axudas ata acabar "arruinándose" tan só compensaría "o 0,1% do que se move na provincia" sería, dixo, "algo ridículo" polo que concluíu que a do PP é "unha moción imposible, que presentan para dicir que somos uns desalmados".
"Decir que somos sectarios cuando ustedes gobiernan con Vox tiene mucha gracia", reprochou Font aos populares aos que advertiu de que "en el último ejercicio de escapismo del fugado señor Feijóo ha dejado sin ayudas a los afectados".
Por último, a portavoz do PP criticou ao Partido Socialista porque "ni está ni se le espera" e indicou que "lo que hizo su Gobierno es pactar por la puerta de atrás con Bildu, con los herederos de ETA" reiterando que son "sectarios" porque rexeitan calquera tipo de iniciativa que veña do Partido Popular.
A moción foi rexeitada cos votos do PSOE e BNG.
PROXECTOS EUROPEOS
O Pleno tamén aprobou a segunda modificación de crédito por 799.083 euros.
Segundo explicou López Font, a aprobación de tres proxectos europeos para a provincia de Pontevedra, coa mobilización dun total de 2.265.902 euros para mellorar o comercio, a xestión forestal e o emprego dun total de 22 concellos da provincia, leva á Deputación para modificar o seu orzamento para este ano co obxectivo de reservar as partidas necesarias para o cofinanciamento das actuacións previstas.
COMUNIDADES DE MONTES
Este venres deuse outro paso máis na recuperación da normalidade na celebración das sesións plenarias, nas que segue recomendado o uso da máscara, dándolle voz a diferentes colectivos que desexan intervir antes do inicio do Pleno, tal e como se facía antes da pandemia.
Nesta ocasión solicitou a palabra Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes que denunciou que a Consellería do Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas de diverso índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras…) poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais.
A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada por esta organización de Comunidades de Montes tenta "frear este latrocinio dos montes veciñais". Neste sentido, un dos puntos principais da ILP é reforzar o carácter germánico da titularidade veciñal, considerando a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciño comuneiro.
Tamén buscan que se recoñeza o monte veciñal como unha titularidade distinta, pero en igualdade coas titularidades públicas e privadas. Outra reivindicación que recolle a iniciativa lexislativa é a declaración dos montes veciñais como unha figura de protección medio ambiental e cultural en si mesma.
Do contido desta intervención a Deputación dará traslado á Xunta de Galicia.