Un plan de choque de 700 millóns, proposta do BNG para compensar a alza dos prezos
Un plan de choque para mobilizar 700 millóns de euros destinados a paliar os efectos da inflación, que actualmente se sitúa no 10,5%. É a medida "que poría en marcha un goberno do BNG”, segundo asegurou a súa portavoz nacional en Pontevedra.
Ana Pontón, acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou no Hotel Galicia Palace nun acto político enmarcado na campaña iniciada polo BNG para denunciar a crise provocada pola alza dos prezos, que "impacta de cheo" a familias e empresas.
Ante a "parálise" que aprecian nun goberno galego "que sigue enfrascado no relevo e no reparto interno de poder", Pontón defendeu a necesidade urxente de adoptar medidas para frear os efectos desta escalada, sobre todo en servizos básicos como a luz, o gas ou os combustibles.
Dentro do plan de choque proposto polo BNG, a líder nacionalista destacou un fondo de rescate social por importe de 90 millóns para axudar aos colectivos máis desfavorecidos.
Serviría, dixo Pontón, para incrementar en cen euros mensuais as pensións non contributivas, mellorar a prestación da RISGA e facer que sexa compatible co ingreso mínimo vital ou aumentar as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda para as rendas máis baixas.
A segunda gran liña sería un fondo de 175 millóns para os sectores produtivos e pequenas empresas, con medidas para incentivar o consumo no comercio local e hostalería ou 40 millóns para o sector primario, tanto agrogandeiro como pesqueiro.
Esta iniciativa do BNG inclúe ademais un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en vivenda, transición enerxética e transición dixital, capaz de mobilizar 325 millóns de euros ou un fondo de apoio aos concellos de 35 millóns para compensar a subida da factura da luz e dos carburantes e para cubrir a revisión de prezos nos contratos de obra.
Por último, este plan de choque complétase cun fondo de liquidez de 75 millóns para facilitar liñas de financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas.
Ana Pontón tamén avanzou que, xunto con estas medidas de urxencia, o BNG está preparando unha proposición de lei con medidas a medio e longo prazo de carácter estrutural, unha proposición de lei para modernizar e transformar Galicia estruturada en cinco áreas estratéxicas.
Área financeira, coa creación do instituto de crédito e investimento; área enerxética, cunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega; área de reactivación industrial, para reverter o proceso de desertización na industria e área de reactivación do sector primario, para avanzar na soberanía alimentaria, na produción de alimentos de calidade e na recuperación do rural.