Crearán unha Unidade de Estimulación Terapéutica para persoas con Alzheimer na Finca de Briz
Por Redacción
O Concello de Marín ten previsto que a Finca de Briz conte cunha Unidade de Estimulación Terapéutica para persoas con Alzheimer. A Consellería de Política Social adxudicou este servizo á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAPO).
Durante este xoves, Marián Sanmartín, a concelleira de Benestar Social, reuníase co representante de AFAPO, José Manuel Fontenla, coa intención de revisar con el as necesidades para poñer en marcha este servizo público gratuíto para a cidadanía.
A Xunta de Galicia será a administración encargada de establecer contacto con aquelas persoas que teñen dereito a este tipo de servizos en función do grao que se lle recoñeza medicamente para que accedan ás prazas, tal e como recolle a Lei de Dependencia.
Este novo centro ofrecerá funcións de prevención para situacións de dependencia. A Unidade centrarase na estimulación terapéutica das persoas con estas demencias neurodexenerativas. Realizaranse técnicas dirixidas a adestrar actividades da vida diaria; ofrecerán atención psicolóxica; logopedia; estimulación cognitivia; e diferentes actividades de tempo libre.
Permanecerá aberto tres días á semana durante un período de catro horas e inclúese o transporte das persoas usuarias desde o seu domicilio ata a instalación. Actualmente a casa do parque da Finca de Briz xa se utiliza como espazo de obradoiros de estimulación da memoria.