A Audiencia absolve a Luisa Piñeiro e reduce a condena a Rafael Louzán na causa do campo de fútbol de Moraña
Por Natalia Puga
Envorco no resultado xudicial da peza separada da operación Patos relativa ás irregularidades nas obras do campo de fútbol de Moraña. A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de ditar unha sentenza pola que absolve á ex alcaldesa de Moraña e ex delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e reduce a condena ao ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenara a ambos a dous anos de prisión e a unha inhabilitación para exercer calquera emprego ou cargo público durante oito anos, Louzán como autor dun delito de prevaricación, en concurso cun delito de fraude, e Luisa Piñeiro como cooperadora necesaria do delito de prevaricación e autora dun delito de fraude.
Tanto eles como outras seis persoas acusadas nesta mesma causa recorreron a sentenza condenatoria e agora a sección segunda da Audiencia Provincial decidiu estimar parcialmente os seus recursos o que, na práctica tradúcese na absolución de catro deles.
Quedan absoltos Piñeiro; o arquitecto da obra, J.A. L.O.; o administrador da empresa canalizacións e Construcións Salnés SL, D.G. F.; e o administrador de Construcións Enrique Casas, M. R.O.. Os dous primeiros foran condenados por fraude e prevaricación e os dous segundos só por fraude.
Ademais, redúcese a pena dos demais. No caso de Rafael Louzán, absólveno do delito de fraude á Administración polo que fora condenado, pero manténselle a condena polo delito de prevaricación, polo que pasa a impoñérselle unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público relacionado con calquera cargo nas administracións públicas durante sete anos. A pena inicial era de oito.
Ademais, redúcese a pena do entón director de infraestruturas da Deputación, Manuel González Juanatey, condenado inicialmente á mesma pena de Louzán e Piñeiro. No seu caso, absólvenlle a fraude e mantéñenlle a súa condena como cooperador necesario dun delito de prevaricación, que implica sete anos de inhabilitación. Xusto a mesma condena que o ex presidente da Deputación.
A nova sentenza deixa na mesma situación ao responsable da empresa Eiriña, Enrique Alonso Pais, e a súa man dereita, Jaime Alvariñas, tamén absoltos por fraude e inhabilitados sete anos por prevaricación.
A sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación, baséase en diversos argumentos para revogar o fallo previo. No caso de Piñeiro e do arquitecto da obra, retíranselle todos os cargos ao entender que o procedemento se dirixiu contra ela tras declarar complexa a causa e esa declaración foi fora de prazo.
"Consideramos que a expiración do prazo de instrución sen declaración de complexidade dentro de prazo excluíu a posibilidade de dirixir a imputación contra estes investigados", sinalan os maxistrados da Audiencia, que recoñece que houbo unha vulneración do seu dereito fundamental a unha tutela xudicial efectiva sen indefensión debida á infracción do prazo de instrución.
Neste punto, resulta rechamante que ningún dos dous acusados utilizaron este argumento nos seus respectivos recursos de apelación, aínda que si insistiron niso durante o xuízo. En todo caso, si alegaron esta vulneración outros dous procesados, de modo que a Audiencia estimou o recurso e absólveos.
No caso do delito de fraude, a Audiencia absolve a todos os acusados porque "non consta que se cobrou por máis do efectivamente realizado, como tampouco a prezos superiores aos do mercado".
Si considera a Audiencia que houbo prevaricación e que Louzán cometeu irregularidades ao conceder a unha empresa unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña que xa estaban, na súa maior parte, executadas.
A Audiencia considera que o entón director de Infraestruturas da Deputación e o administrador e un empregado de Eiriña prevaricaron ao poñerse de acordo "en crear e desenvolver un procedemento administrativo ficticio para que a Deputación abonase á empresa unhas cantidades que reclamaba por obras realizadas á marxe do proxecto dunha obra subvencionada polo organismo".
Do mesmo xeito que a xuíza de primeira instancia, a Audiencia considera probado que a construtora á que a Deputación adxudicara en 2011 a instalación de herba artificial no campo de fútbol de Moraña e outras obras en edificacións anexas, aumentou o seu custo en 86.816 euros.
Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, polo que, para facer fronte a ese pago, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado". Así, en 2013 adxudicouse de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese importe, en concreto, as melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.
"Prescindiuse absolutamente do procedemento legalmente establecido", subliña o tribunal, quen indica que, con todo, non se acreditou o delito de fraude porque entende que "non existiu prexuízo nin risco de prexuízo para a Administración e tampouco se acreditou nos acusados o dolo ou intención de prexudicar o patrimonio da Administración". Ademais, recalca que tampouco se probou que a actuación dos acusados "fose dirixida a defraudar ao patrimonio da Administración" e destaca que "non consta que se cobrou por máis do efectivamente realizado, como tampouco a prezos superiores aos do mercado".
En canto ao ex presidente da Deputación, incide en que prevaricou ao votar a favor do acordo de conceder a subvención "ainda que sabía que era ilegal e arbitrario porque respondía a un artificio para, burlando as barreiras da normativa, satisfacer as reclamacións da contratista, infrinxindo o deber de transparencia e non protexendo os dereitos da Administración".
Relacionadas:
-
José Luis Gómez Fontenla, garda civil de profesión, será o candidato do PP a manter a alcaldía de Moraña
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro, tras ser absolta de fraude e prevaricación: "O dano que me fixeron non o repara ninguén"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Louzán volverá recorrer a súa condena por prevaricación e non renuncia a presidir a Federación Galega de Fútbol
Por Natalia Puga |
-
Recorren ante a Audiencia Provincial a condena de Rafael Louzán e Luisa Piñeiro por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga |
-
Luisa Piñeiro dimite como delegada da Xunta: "Non quero prexudicar á institución que represento"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada