O TSXG confirma sete anos e medio de prisión a un home por lanzar ao baleiro a outro desde o edificio de usos náuticos da Illa
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha condena de sete anos e medio de cárcere imposto pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home acusado de deixar caer a outro home desde o edificio de usos náuticos da Illa de Arousa.
A sentenza da Sala do Civil e Penal do TSXG desestima o recurso do condenado e sinala que non observa "déficit algún no razoamento do tribunal sentenciador", á vez que recalca que o relato da vítima é "claro, firme e persistente".
Os maxistrados indican que non se detectaron contradicións relevantes no testemuño da vítima e subliñan que é "un dato completamente irrelevante" se ambos se achaban de fronte ou de costas no momento no que a vítima foi lanzada ao baleiro, "máxime se temos en conta o imaxinable impacto emocional" que sufriu o prexudicado.
Como consecuencia das lesións permanentes que sufriu a vítima, atópase limitado para levar a cabo calquera actividade profesional “que precise deambulación, subir ou baixar escaleiras ou pendentes”.
O TSXG indica que existen elementos periféricos que corroboran a versión do afectado, entre eles "a xeolocalización do móbil do procesado e o que se descubriu a partir do envorcado dos datos que contiña o terminal, as testificales de referencia e a documental médica".
Os feitos ocorreron na madrugada do 8 de marzo de 2020, a partir das 4.42 horas. O acusado e a vítima estiveran en diversos locais de lecer durante a noite e a esas horas da madrugada o acusado chamou á vítima e quedaron nun lugar coñecido, desde o que foron en coche ata o edificio de usos náuticos da praia do Vao da Illa de Arousa. Alí chegaron ás 5 da madrugada.
Tras aparcar nas inmediacións, foron cara á zona máis alta do edificio, situada a uns 7,5 metros da rúa. Estando alí, díxolle que se quitase o bolso tipo bandoleira e "facendo uso da maior complexión física" e "sabendo que lle sometía a un risco de morte que non tiña posibilidades de evitar", agarrouno po urna perna e pola cintura e deixouno caer ao baleiro.
A vítima acabou tirado no chan de formigón, quedando tendido na parte posterior do edificio. Tras iso, segundo o relato de feitos considerado probado pola Audiencia, o condenado foise do lugar a pé, levando o bolso da súa vítima.
A súa vítima quedou tendido no chan con graves feridas, conseguiu arrastrarse ata un lugar máis visible, aínda que ata as dez da mañá do día seguinte non o localizaron.
Ademais de ser condenado a sete anos e medio de prisión, a sentenza imponlle unha orde de afastamento que lle prohibe achegarse á súa vítima ou comunicarse con el durante dez anos e medio.