Case 150.000 euros permitirán reparar a rede viaria de Cuntis afectada polos temporais
Por Redacción
Ao longo dos vindeiros días iniciaranse as obras para mellorar as vías municipais afectadas polos temporais do inverno de 2021. O Concello de Cuntis investirá un orzamento de 149.950 euros, que irá destinado a cubrir fochancas e renovar a pavimentación destas vías situadas nas oito parroquias do municipio.
Tamén se realizará unha intervención na pista que une os lugares de Magán e Requián, na zona limítrofe co municipio da Estrada. "Foi unha petición que nos realizaron os veciños desta zona e que atenderemos", promete o alcalde Manuel Campos.
Durante estas xornadas, persoal técnico municipal e tamén da empresa concesionaria das obras, Covsa, realizaron actas de reformulo para iniciar as obras de reparación dos espazos danados. Ademais, aproveitarase para realizar a limpeza e preparación de todas as canalizacións de pluviais para evitar que as escorrentías do próximo inverno provoquen danos no asfalto.
O alcalde lembra que Cuntis conta cunha rede de estradas secundarias moi ampla e moi danada polo efecto das choivas no pavimento, que agora está previsto liquidar. Manuel Campos considera " importantísima" esta obra, que sufriu un atraso debido á obrigatoriedade de sumar os informes favorables doutras administracións afectadas. O proceso foi longo e lento, segundo recoñece o propio alcalde, que espera o inicio das obras tras marcarse xa as zonas de actuación.
Relacionadas:
-
Cuntis destina 100.000 euros á mellora dos accesos a Vilariño, Montesandeu e Carreira Ancha
Por Redacción |
-
Incorpóranse os 13 traballadores que reforzarán durante 6 meses a plantilla municipal de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis aproba de xeito definitivo o orzamento para o 2022 e o plan de axuste económico
Por Redacción |