O Banco de Alimentos busca voluntarios para o Maio Solidario de Gadis
Por Redacción
A Fundación Provincial Banco de Alimentos fai un chamamento público para atopar persoas voluntarias coas que poder desenvolver a iniciativa Maio Solidario en supermercados Gadis de toda a provincia os días 27 e 28 de maio.
A campaña leva activa todo o mes, pero prevé unha Operación Quilo para esa fin de semana na que precisan que persoas voluntarias apoien ao persoal da Fundación. A súa función sería a de animar á clientela para doar alimentos básicos de primeira necesidade.
Durante esta campaña, que se difunde co hashtag #mayosolidario, poderanse realizar achegas económicas ao pasar por caixa e tamén entregar alimentos físicos.
O Banco de Alimentos precisa voluntarios en Pontevedra, Cambados, Lalín, Marín, Sanxenxo e Vilagarcía, persoas que teñan catro horas de tempo libre.
O perfil da persoa voluntaria é o de alguén empático coa necesidade máis próxima que queira vivir unha experiencia solidaria.
As persoas interesadas poderán darse de alta a través da web da fundación, www.bancoalimentosvigo.org, ou chamando por teléfono á delegación de Pontevedra no número 986 865301.
A ONG recupera as súas tradicionais Operacións Quilo tras dous anos de parón pola pandemia porque supoñen un importante impulso no que a provisión inmediata de produtos de primeira necesidade refírese, co correspondente abastecemento dos almacéns de Vigo e Pontevedra.