A Feira de Artesanía de Portonovo volve a Baltar do 15 de xullo ao 31 de agosto
Por Redacción
Mes e medio de duración terá a nova edición da Feira de Artesanía de Portonovo, que se celebrará no paseo de Baltar entre o 15 de xullo e o 31 de agosto.
Así o anunciou este xoves o Concello de Sanxenxo, que avanza que as bases do concurso para a organización, xestión e explotación desta feira aprobaranse mañá.
A feira ocupará unha superficie aproximada de 900 metros cadrados e o seu horario será de 18:00 a 01:00 horas. As fins de semana, ademais, abrirá tamén de 12:00 a 14:00 horas.
O goberno municipal explica que os expositores deberán ofrecer produtos de proximidade e de elaboración personalizada, con obxectos únicos e de calidade que supoñan un reclamo turístico que non conleve unha competencia para o comercio local.
Prohibirase expresamente a prohibición de venda de alimentos e a revenda de produtos que non fosen elaborados polo artesán que instala cada un dos postos.
Nos criterios de valoración das propostas concederase ata 50 puntos, máxima puntuación, á memoria organizativa e descritiva das actividades, os materiais e casetas que se vaian a utilizar ou a vixilancia do espazo o mecanismo de selección de artesáns.
Con ata 30 puntos, avaliarase a experiencia en organización, xestión e desenvolvemento das feiras e eventos de artesanía, mentres que outros 10 puntos serán pola páxina web, blogue ou perfil social onde se faga referencia expresa á actividade de eventos de artesanía.
Os expositores da feira deberán ter un carné de artesán en vigor expedido pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou doutra comunidade de acordo coa lexislación vixente e dispoñer de produción propia para atender a demanda prevista durante a feira.