Que lle pasa aos bancos de Pontevedra?
Por Redacción
Hai xa varias semanas que pasa algo nos bancos de Pontevedra. Non nas sucursais de entidades financeiras, senón nos que están instalados polas rúas do centro para favorecer o descanso dos cidadáns. Periodicamente, os dunha rúa quédanse só coa estrutura, as bandas de madeira desaparecen e, días máis tarde, volven á súa situación orixinal
O Concello de Pontevedra explicou este fenómeno este martes. Os bancos están a ser obxecto dun plan de mantemento, mellora e reposición que afecta a todos estes elementos do mobiliario público, tanto no centro histórico coma no ensanche e os barrios.
Nas últimas semanas as tarefas que se están a realizar inclúe a retirada dos taboleiros dos bancos ou das bandas situadas nas xardineiras de rúas como Gutiérrez Mellado ou Sagasta.
O traballo é por fases e progresivo. Tras esta retirada, líxanse, vernizan e colocan de novo na súa situación orixinal. En caso de que os materiais estean deteriorados, substitúense por outros e se o que sucede é que falta algún andel, reponse.
A maiores, pítanse os pés de ferro destes mobles urbanos e, nalgúns casos, tamén están a ser tratados contra a ferruxe.