Campelo acolle desde esta fin de semana actividades en favor da igualdade e o empoderamento feminino
Por Redacción
O local social de Campelo acollerá durante os días 27, 28 e 29 de maio e 3, 4 e 5 de xuño o programa 'Verbas de Muller', unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Arela para promover a realización de actividades e eventos que axuden a fomentar e impulsar a igualdade de oportunidades e o empoderamento feminino.
Esta iniciativa se financia a través da liña de axudas que, por segundo ano consecutivo, impulsa a Concellería de Igualdade do Concello de Poio. Ademais, a Concellería de Cultura financia as actuacións musicais previstas durante estas xornadas, a través do seu Plan Músico-Cultural.
A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, e a titular de Cultura, Raquel Rodríguez, acompañaron este mércores ás responsables da agrupación na presentación desta ampla programación, que "destaca pola súa variedade, xa que ofrece todo tipo de actividades, entre as que se atopan conferencias, faladoiros, teatro e mesmo un obradoiro de danza", sinalaron as edís.
A inauguración, este venres 27, será ás 20.10 horas coa apertura e presentación da mostra 'Mulleres pioneiras', a cargo de Tegra Gómez Pino. Posteriormente, ás 20.30 horas, a filósofa, escritora e mestra Pilar Allegue Aguete impartirá unha conferencia sobre mulleres e igualdade. Con respecto ao sábado 28 (19.30 horas), ofrecerase o foro aberto Benestar das mulleres no mar, coa participación de Paz Diéguez Montes, Dolores Rodríguez García e Claudia González López.
O primeiro bloque da programación pecharase este domingo 29 de maio, ás 20.00 horas, coa representación da obra teatral '12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva', a cargo da compañía Olivas Negras. Esta actuación finánciase a través de fondos da Deputación de Pontevedra, a través do Pontegal.
Con respecto ás citas fixadas para a primeira fin de semana de xuño, o venres 3, ás 20.00 horas, terá lugar unha das actividades principais. Será entón cando o local social de Campelo acolla un faladoiro de mulleres, no que tomarán parte veciñas, emprendedoras e empresarias do municipio, que falarán das súas experiencias a nivel profesional e de igualdade nos sectores nos que desenvolven as súas actividades.
Participarán Alba Galiano, de Artesanía Buchiladas; Celina García, restauradora e responsable do negocio 'Saúde e Café' Olga Blanco, autónoma electromecánica; Noemí Blas, presidenta da Escudería Buxa Motor, e Marisé García, empresaria da autoescola Arias. Á finalización do faladoiro terá lugar a presentación do Coro Harmonía.
O sábado 4 de xuño, ás 20.00 horas, chegará 'Unha de cine', un ciclo que inclúe a proxección dunha peza audiovisual e faladoiro posterior. O domingo 5 de xuño chegará outra das grandes citas organizadas por Arela. Trátase do obradoiro de danza A muiñeira vai con todo, impartido por Nelson Quinteiro, e que comezará ás 11.30 horas. As xornadas finalizarán cunha actuación a cargo do grupo de pandereteiras da Asociación O Ronsel.
Relacionadas:
-
'Queer Cabaré: empoderando a diversidade', un obradoiro gratuíto de cabaré, performance e teatro no Centro Cultural Xaime Illa
Por Redacción |
-
Comezan os obradoiros de igualdade nos centros educativos de Bueu
Por Redacción |
-
A provincia suma 1.304 casos en seguimento por violencia de xénero
Por Redacción |
-
Aberta a convocatoria para solicitar axudas destinadas a asociacións de mulleres
Por Redacción |
-
Poio pon en marcha a súa Aula Mentor coa que ofrecerá formación dixital
Por Redacción |