Sorteo solidario na Seca este venres para axudar a poboación de Ucraína
Por Redacción
Este venres 27 de maio celébrase un novo sorteo organizado pola asociación AGA Ucraína co obxectivo de recadar fondos que se destinarán á poboación ucraína que continúa no seu país sufrindo as consecuencias da guerra.
Este evento comezará a partir das 20.00 horas na sede da Comunidade de Montes de San Xoán de Poio, situada na Seca. O horario previsto de finalización sitúase ás 22.30 horas. Persoal voluntario de AGA en Pontevedra preparou o salón principal deste espazo e fai un chamamento á veciñanza de Poio para que se achegue a participar deste acto solidario e benéfico no que se repartirán diferentes premios.
Entre outras posibilidades, os participantes poderán optar a noites de aloxamento en hoteis; circuítos spa; ceas en restaurantes do municipio ou comidas; vales desconto para compras no comercio local; lotes de conservas; masaxes terapéuticas; servizos de salón de peiteado e barbaría ou pasaxes en catamarán para as Illas Ons e Cíes, entre outros.
No anterior sorteo, celebrado no Casino Mercantil de Pontevedra, lográbase unha recadación de 1.380 euros coas rifas. Fátima Ferreira, responsable provincial da asociación, móstrase moi satisfeita pola asistencia e participación cidadá nese evento e agarda que poida repetirse este venres en Poio. Ademais, agradece a colaboración de empresas de toda a comarca doando agasallos para obter estes fondos destinados a axuda humanitaria.