O Concello agarda ter pintado o núcleo de Campelo nos vindeiros días
Por Redacción
O Concello de Poio está a realizar estes días os traballos para reforzar o pintado dunha plataforma única que permitirá contar á rúa Pedro Soto dunha zona de servizos, ao seu paso polo núcleo de Campelo.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), explica que este espazo estará listo ao longo da vindeira semana, se non se produce ningún contratempo. Grazas a estas tarefas, consolidarase a plataforma única que hai nas inmediacións da Praza da Granxa, onde se emprazan numerosos negocios e comercios, pasando a ser un lugar no que non haberá diferenciación entre a calzada e as beirarrúas, de xeito que os condutores poderán efectuar breves paradas de 15 minutos.
Nas vindeiras xornadas procederase a dotar a este tramo da rúa de sinalización horizontal. Ademais, tal e como indica a titular de Seguridade Cidadá, tamén se instalarán sinais verticais.
Asemade, tamén se reforzará a sinalización dos lombos e se tomarán medidas para garantir a redución de velocidade, que quedará nun máximo de 20 quilómetros por hora neste tramo da rúa Pedro Soto.
Marga Caldas lembra que esta actuación lévase a cabo en resposta ás demandas realizadas pola veciñanza, así como polos profesionais e responsables dos diferentes negocios que se emprazan nesta zona, coincidindo co traspaso do vial a titularidade municipal.
"En canto os traballos rematen xa haberá unha zona debidamente habilitada para pequenas paradas para carga e descarga, algo que, ata o de agora, a infraestrutura non contemplaba". Esta medida conta co visto bo dos técnicos. Actúase sobre unha superficie total duns 600 metros cadrados aproximadamente.