Sorprenden dous furtivos que colleron seis quilos de ameixa na praia da Pinela, un deles reincidente
Por Redacción
A Policía Local de Poio e efectivos dos Gardacostas da Confraría de San Telmo lograron reter na tarde deste venres dous mariscadores furtivos que colleran de xeito ilegal seis quilos de ameixa na praia da Pinela, dos que 3,8 quilos eran, ademais, de tamaño irregular.
Segundo informou a Policía Local, sucedeu sobre as 18:30 horas da tarde deste venres. Tiveron coñecemento da presenza de varios furtivos que estaban extraendo ameixa de forma ilegal, de maneira que os axentes puxeron en marcha un operativo para identificalos.
Finalmente, lograron localizar dous veciños de Poio, dos que un deles xa tiña antecedentes. De feito, este furtivo ten en vigor unha orde de afastamento das praias de Poio por eses antecedentes. Desta maneira, ademais de identificalo por furtivismo, tamén lle notificaron unha segunda infracción, quebrantamento de condena.
Nun primeiro momento, os axentes non localizaron a ameixa, pero xa coñecen que a súa maneira de actuar habitual é esconder o molusco en diferentes lugares, de maneira que o buscaron e acabaron por localizar os seis quilos referidos.