O Pleno de Vilaboa aproba 50.000 euros para obras nos campos de fútbol de Figueirido e San Adrián
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Corporación municipal de Vilaboa aprobou este venres en Pleno unha modificación de crédito de 50.000 euros para sufragar os gastos de mantemento en dous campos de fútbol do municipio.
A proposta supón actuar en Figueirido para a substitución do céspede artificial e no campo de San Adrián para renovar a cuberta das bancadas.
A sesión plenaria celebrada este venres en Vilaboa tamén deu luz verde ás axudas directas que recibirán algúns colectivos para garantir os gastos correntes derivados da súa actividade.
Como resultado deste punto aprobado, a Escola de Música de Vilaboa e a asociación Entroido de Cobres percibirán 18.000 euros cada unha; a Asociación Mocidade de Vilaboa para a organización do Canteira Fest recibirá unha axuda directa de 7.000 euros; a Confraría Pedra de Oliveira de Vilaboa percibirá 10.000 euros; a Festa do Viño 30.000 euros e as Anpas, para xestión dos comedores escolares, recibirán 5.000 euros.
A Corporación aprobou tamén a proposta do goberno local de habilitar unha partida de 350.000 euros para facer fronte á sanción imposta por Augas de Galicia polo canon da auga, sen renunciar á vía da negociación para fraccionar o pago ou buscar outras alternativas. Este pago asumirase con cargo ao Remanente de Tesourería, próximo aos tres millóns da liquidación de 2021.
O momento máis tenso da sesión plenaria rexistrouse na aprobación do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito de 82.000 euros con cargo ao Remanente de Tesourería.
O Partido Popular votou en contra argumentando que sería “un premio ao goberno” e utilizando adxectivos como "saqueo" ou "despilfarro" e o alcalde interpretou a súa postura en clave electoral asegurando que o PP "está xa actuando coa data das eleccións municipais en mente", pois o ano pasado votou a favor dunha operación igual por medio millón de euros.
"Ou é unha postura electoralista ou o ano pasado non se decaparon do que estaban votando e entón a cousa sería moito máis grave", sostivo César Poza.