Primeira visita de Alfonso Rueda a Pontevedra como presidente da Xunta: a escola infantil de Campolongo
Entre 1.500 e 2.000 euros por cada neno. Ese é o aforro que terán as familias galegas, segundo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, coa ampliación da gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos, que a partir do próximo curso será universal.
Galicia será desde setembro un "referente" en toda España, subliñou Rueda na súa visita á escola infantil de Campolongo, xa que se converterá na primeira comunidade na que a educación infantil será 100% gratuíta en todos os seus centros.
Esta medida, que afectará a centros públicos, privados, de xestión municipal ou de iniciativa social, supoñerá un investimento anual de 50 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e beneficiará a máis de 30.000 nenos e nenas.
Tras o seu percorrido pola escola, no que estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, Rueda defendeu que este aforro "non podía chegar nun momento máis necesario" para as familias, ante a escalada de prezos e os niveis de inflación.
"Esta é a Galicia que queremos impulsar, a que coida á súa xente desde o berce ata o bastón", sinalou o presidente galego na que foi a súa primeira visita oficial á súa cidade, Pontevedra, desde que tomou posesión como novo presidente da Xunta.
Esta visita de Alfonso Rueda á escola infantil de Campolongo coincidiu coa publicación da lista de admisión nas 174 escolas infantís de Galicia, na que foron admitidos uns 8.000 nenos.
É, segundo explicou Rueda, un 87% de todas as peticións recibidas, a porcentaxe máis ampla desde que o acceso a estas escolas se regula mediante estas listas de admisión.
Os pais terán que formalizar a matrícula entre os días 1 e 10 de xuño.