Cuntis asina un convenio con Agadea para facilitar o coidado das persoas con alzheimer
Por Redacción
O Concello de Cuntis asinará nos vindeiros días un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer (Agadea) que permitirá ás familias cuntienses con pacientes diagnosticados con esta enfermidade beneficiarse dos servizos que ofrece este colectivo en materia de asesoramento e orientación, servizo asistencial para as persoas enfermas, actividades de difusión e sensibilización, programas de prevención e tamén atención aos coidadores e familiares dos pacientes.
No marco desta colaboración Cuntis acolleu unha actividade informativa, presentada pola concelleira de Servizos Sociais, Ana Loureiro, para que as familias afectadas por esta doenza se achegasen á asociación e ás vantaxes que ofrece, tanto para as persoas diagnosticadas como para quenes se encargan do seu coidado diario.
A charla foi impartida pola doctora Clara Domínguez Viveiro, neuróloga de referencia pola súa traxectoria no ámbito da investigación e como profesional nos distintos centros hospitalarios como o de Ferrol, Santiago de Compostela e na actualidade no Hospital Provincial de Pontevedra (CHOP).
Domínguez Viveiro abordou o tema das enfermidades neurodexenerativas, dando especial prioridade ao Alzheimer por ser unha doenza que precisa da atención familiar para lograr unha diagnose precoz e para a que existen medidas preventivas que contribúen a frear o seu avance. Tamén informou aos asistentes dos factores de risco que inflúen no desenvolvemento da enfermidade e fixo fincapé na importancia da atención aos coidadores dos pacientes con enfermedades neurolóxicas, polo desgaste que esto implica.
A actividade permitiu aos familiares presentes encontrar resposta a moitas dubidas que xurden tralo contacto inicial cunha enfermidade destas características e coa atención necesaria tras esa primeira diagnose.
Tanto Manuel Campos, alcalde de Cuntis, como a concelleira de Servizos Sociais, Ana Loureiro, coinciden na importancia de facilitar ás familias toda a información e servizos necesarios para facer máis levadeiro o coidado destes pacientes no seu fogar, tendo en conta que o avance que as enfermidades neurodexenerativas aceleran o envellecemento e merman a mobilidade dos enfermos.
“Asinaremos este convenio para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores enfermos pero tamén das súas familias, moi conscientes do que supón a atención domiciliaria destes pacientes e as consecuencias que pode tener na saúde mental dos seus coidadores. O Concello é a administración máis cercana para os cidadáns, e ainda que carecemos de competencias en materia de saúde, desde o departamento de Servizos Sociais podemos contribuir a facer máis levadeiras as fases da enfermidade”, sinala Manuel Campos, quen convida ás familias afectadas por estas doenzas a poñerse en contacto con Agadea.