Unha senda peonil de quilómetro e medio mellorará a mobilidade entre O Grove e San Vicente
Por Redacción
Os núcleos de Campos e A Gandariña estarán unidos moi pronto por unha nova senda peonil que a Deputación de Pontevedra habilitará na estrada EP-9101, que une O Grove con San Vicente, ao longo dun quilómetro e medio.
Esta actuación, que incluirá medidas de seguridade viaria, conta cun orzamento de case 552.000 euros, dos que a institución provincial financiará o 80% (uns 441.000 euros) e o Concello o resto, utilizando os recursos do Plan Concellos.
Esta futura senda peonil situarase no comezo da estrada provincial, que comunica o centro urbano do Grove con San Vicente do Mar. Deséñase na marxe esquerda da estrada, en dirección a San Vicente, entre os puntos quilométricos 1+000 e 2+550.
A estrada, que ten un trazado total de 7.459 metros, carece neste treito inicial de beirarrúas e espazos que permitan o tránsito seguro a pé, porque conta cun ancho medio de só 7 metros e ten unha forte presión residencial nas súas marxes.
Ademais, ao longo de todo este percorrido hai obstáculos como postes de telefonía, alumeado público, rede eléctrica, pozos de saneamento e grellas para a recollida de augas pluviais.
A intención deste proxecto é garantir a continuidade peonil cun espazo accesible para as persoas que camiñan, eliminando barreiras e garantindo a seguridade viaria aproveitando a beiravía actual e os sobrantes da calzada.
Para iso demoleranse todos os pavimentos e obstáculos existentes para crear unha nova senda cun ancho mínimo de 2,50 metros en todo o percorrido, que estará acabada cunha superficie de formigón coloreado de 15 centímetros de espesor sobre base de saburra compactada.
Ademais colocarase un bordo de separación entre a beiravía, que pasa a ter 50 centímetros de ancho, incluíndo o caz de formigón, e a nova senda peonil.
Nos treitos nos que o espazo dispoñible da calzada non permitía alcanzar os 2,50 metros mínimos esixidos pola Deputación para as súas sendas peonís desprazarase o eixo da actual estrada cara a dereita e mesmo reducirase a sección dos carrís e beiravías. Ademais, en dúas zonas concretas será necesario reducir o ancho do carril de circulación de 3,50 metros a 3,20 metros.
No treito final na zona da Gandariña, acondicionarase a superficie pavimentada na marxe dereita cunha capa de 'slurry' de cor para diferenciar o seu uso por parte do tráfico peonil.
A senda contará coa preinstalación para o soterramento da rede de alumeado público e retranqueará dous postes de formigón, coa súa correspondente luminaria no treito final.
A execución desta senda require da construción dun muro de 100 metros de lonxitude para a contención de terras nunha das zonas con maior desnivel. A causa da pendente, este tramo estará tamén dotado dunha varanda de aceiro galvanizado. Ademais disto, será preciso reconstruír tres pequenos tramos de muros de contención ao longo do percorrido.
A seguridade viaria complétase coa dotación de tres pasos de peóns sobreelevados e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical para remarcar a preferencia peonil.
A obra inclúe tamén unha nova drenaxe de augas pluviais a través de tubaxes de PVC de 400 mm de diámetro e sumidoiros colocados no caz de formigón da marxe esquerda e pola beiravía da marxe dereita.
Nesta marxe dereita contémplase tamén dous tramos con cuneta transitable de formigón para garantir a máxima sección dispoñible en caso de cruzamento de vehículos pesados.