O pobo de Corredoira recupera a súa casa
Por Redacción
A Casa do Pobo de Corredoira volve ser iso, a casa do pobo. O proxecto de recuperación do edificio permitiu volver darlle vida.
O acto foi tamén unha conmemoración da recuperación do inmoble para o pobo, pois fora requisado durante o franquismo. No acto participaron o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o deputado provincial Carlos Font.
A obra da Casa do Pobo de Corredoira, na que se investiron uns 150.000 euros, supuxo unha profunda transformación do inmoble. Conservando a súa esencia arquitectónica efectuouse unha restauración moderna e funcional para devolverlla á veciñanza.
Agora dispón dun salón de usos múltiples, unha cuberta acristalada, balcón, cociña, asador con churrasqueira e aseos adaptados, ademais dun pequeno almacén.
Ademais, durante as obras foi dotada de estufa, mobiliario e equipamento de cociña. Agora, sumando os espazos interiores e exteriores, dispón de 167 metros cadrados útiles.
O edificio foi construído en 1933 pola veciñanza de Corredoira no recinto onde celebran as súas festas. Consiste nunha sinxela edificación de 75 metros cadrados de planta, fachada de granito executada polos canteiros da zona e tellado a dúas augas. En 1960 engadíuselle un espazo de 47 metros cadrados para teleclube.
Carlos Font celebrou especialmente que o pobo recupere un edificio que lle foi arrebatado durante un período escuro da historia, a pesar de que tiña sido construído co esforzo de toda a veciñanza.
"Esta inauguración de hoxe é froito da colaboración institucional entre o Concello, o Estado e a Deputación", remarcou, e "sobre todo, é unha fermosa homenaxe á democracia, recuperando para o pobo o que é do pobo".
Jorge Cubela, pola súa banda, celebrou que con actuacións como esta todos os veciños do municipio gocen dos mesmos servizos que as grandes áreas poboacionais ou urbanas.
"Este edificio foi, é e será sempre dos veciños da parroquia. Aquí tedes as chaves para o que é dos veciños siga sendo dos veciños", subliñou o rexedor, que animou a enchelo con actividades lúdicas, culturais, festivas e mesmo particulares para que teña o maior uso posible.