As alarmas do encoro do Con soarán o luns nun novo simulacro
Por Redacción
As sirenas instaladas por Augas de Galicia en diferentes puntos de Vilagarcía dentro do Plan de Emerxencias do Encoro do Con soarán o luns, 20 de xuño, ás catro da tarde no marco dun novo simulacro.
Trátase dunha proba de funcionamento e alcance do sistema de alerta establecido para advertir á poboación en casos de rotura ou desbordamento da presa que precisasen evacuar á poboación.
O simulacro anúnciase previamente para non asustar á veciñanza e para que se afagan ao son das sirenas de xeito que saiban identificalo convenientemente no caso hipotético de que chegase a producirse unha situación de emerxencia derivada do encoro.
Os postes coas sirenas distribúense en catro puntos para abarcar a área que se vería afectada nunha emerxencia dese tipo e que coincide co curso medio e baixo do río Con.
A primeira está no Campo da Festa de Cea, a segunda na avenida de Pontevedra, á altura da antiga nave do BricoKing, a terceira no IES Castro Alobre e a cuarta, na rúa Desamparados.