A Subdelegación do Goberno deu a coñecer o seu traballo nunha xornada de portas abertas
Por Redacción
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra celebrou este venres a primeira xornada de portas abertas que organiza tras a pandemia.
A subdelegada, Maica Larriba, explicou que esta iniciativa enmárcase na Semana da Administración Aberta 2022 coa que pretenden dar a coñecer o traballo que se realiza nesta parte da administración periférica "que en moitas ocasións é unha gran descoñecida".
Maica Larriba exerceu de anfitrioa e recibiu no despacho a todas as persoas participantes nos percorridos divulgativos abertos á cidadanía.
Os visitantes coñeceron de primeira man as dependencias e servizos do edificio, comezando na sala de reunións cun vídeo informativo sobre as canles de participación cidadá e participación pública do Goberno de España.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra xestiona os servizos de Industria, Sancións Administrativas, Autorizacións, Pesca e Agricultura, Sanidade Exterior, Violencia de Xénero; Protección Civil, Traballo e Estranxeiría, Puntos de Control Fronteirizo e Oficina de Atención á Cidadanía, ademais de aqueles outros de carácter administrativo de funcionamento.
Maica Larriba destacou que o "volume de actividade é moi elevado" como se exemplifica na tramitación de máis de 9.000 sancións administrativas en 2021 onde destacan aquelas relacionadas coa posesión de drogas e a seguridade cidadá.
Ademáis, a Oficina de Atención ao Cidadán e o Rexistro aumentaron en case un 30% a súa actividade o ano pasado con respecto ao 2020 debido, tal e como explicou a subdelegada, "á recuperación da actividade tras a pandemia". Igualmente ocorre na área de autorizacións administrativas, que se incrementaron nun 42%, fundamentalmente, polo aumento dos permisos de seguridade privada, espectáculos pirotécnicos ou autorizacións de armas, entre outros.
A dependencia de Agricultura e Pesca desenvolveu máis de 1.100 inspeccións pesqueiras na provincia, "unha actividade moi importante polo volume de frota que faena en caladoiros internacionais e que son competencia do Estado", sinalou Larriba. Destas inspeccións levantáronse 90 actas de infracción.
A subdelegada puxo de relevo a actividade dos tres Puntos de Control Fronteirizo nos tres portos de interese xeral do Estado da provincia: Vigo, Marín e Vilagarcía. Os servizos de Sanidade Exterior controlaron nestes puntos máis de 800.000 toneladas de distintos produtos, sendo rexeitadas só 1.715 toneladas. Maica Larriba explicou que "as mercadorías rexeitadas non poden entrar na Unión Europea".
As inspeccións de Sanidade Animal, dedicadas ao control de importacións e exportacións de produtos non destinados ao consumo humano e de orixe animal, foron 12.400, o que representa un aumento de case un 30% sobre os datos rexistrados en 2020. As inspeccións de sanidade vexetal, que son as dedicadas a froitas, pensos e plantas, tamén alcanzaron a cifra de 4.046 partidas, o que supón un aumento do 4,6% sobre o ano 2020.
Outro dos servizos que chamou a atención dos visitantes foi o de Sanidade Exterior, en particular su centro de vacinación internacional no que se asesora aos viaxeiros internacionais sobre a vacinación obrigatoria nos países de destino e facilítase a mesma.