Iván Puentes inicia a carreira para liderar o cartel do PSOE nas municipais de 2023
Por Redacción
A carreira por liderar o cartel electoral do PSdeG-PSOE nas próximas eleccións municipais de 2023 comezou. E todo apunta, salvo acordo de última hora, que haberá dous candidatos nas primarias previstas para o próximo mes de novembro.
Ao actual portavoz socialista, Tino Fernández, que hai semanas confirmou a súa intención de repetir como alcaldable, sumaráselle oficialmente o seu compañeiro de corporación, Iván Puentes, edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
Aínda que a súa candidatura era un secreto a voces, xa que el mesmo avanzara o seu desexo de optar á Alcaldía de Pontevedra, non foi ata este luns cando deu o paso definitivo. Fíxoo ante a comisión executiva municipal do PSdeG-PSOE.
Ante os seus membros, Puentes avanzou que o seu proxecto, que vén avalado pola dirección galega do partido, pretende impulsar unha renovación dentro da formación socialista, mellorar os seus resultados electorais e converterse en alternativa de goberno ao BNG.
A súa candidatura presentarase á cidadanía nun acto público que se celebrará este venres 8 de xullo, ás 19:45 horas, na Praza do Teucro. Alí, arroupado por numerosos cargos socialistas, ofrecerá detalles sobre o proxecto co que concorrerá ás primarias.
Entre os apoios que xa explicita o equipo de Iván Puentes, atópanse os outros dous edís do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Yoya Blanco e Marcos Rey, o deputado Guillermo Meijón, a senadora Marica Adrio ou a parlamentaria autonómica Paloma Castro.
Iván Puentes, natural de Fene (A Coruña), exerce como profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no campus de Pontevedra. Foi alcalde do seu municipio natal entre 2007 e 2011 e, tras vir a vivir a Pontevedra, entrou na corporación local.
Edil en Pontevedra desde 2015, primeiro na oposición e desde hai tres anos no goberno municipal como responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, forma parte ademais da executiva galega do PSdeG como secretario de Análise, Estratexia e Prospectiva.
Relacionadas:
-
11-D, data escollida polos socialistas para as primarias en Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Os socialistas, listos para iniciar a carreira das primarias para as municipais do 2023
Por Redacción |
-
Iván Puentes: "Quero un PSOE que, sen complexos, aposte por gañar as eleccións"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Tino Fernández quere repetir como candidato do PSOE: "Boa parte da militancia animoume a dar este paso"
Por Alejandro Espiño |