O Juan Sebastián Elcano non se perde o Carmen e atraca en Marín o 12 de xullo
Por Redacción
O buque escola Juan Sebastián de Elcano non se perderá este ano una das súas citas de referencia de cada verán, Marín, a Escola Naval Militar e as festas do Carmen. Tras a súa ausencia en 2021, dentro do calendario establecido nos últimos anos de alternar Cadiz e Marín para esta celebración, este 2022 regresará e, ademais coincidirá na Escola co rei Felipe VI, que acudirá á entrega de despachos.
Desde a Escola Naval sinalaron este xoves que aínda non teñen confirmada a asistencia de Felipe VI, aínda que varias fontes consultadas si que confirmaron a PontevedraViva a súa presenza.
A Escola Naval Militar confirmou que se espera a chegada do buque o vindeiro martes 12 de xullo . Atracará ás 14.00 horas, poñendo fin ao XCIV Cruceiro de Instrución tras 6 meses de navegación.
O comandante director da Escola Naval Militar recibirá ao buque no peirao de torpedos, nun acto tradicional no que o resto de alumnos e compañeiros desta Escola dan a benvida ao buque acompañados pola Unidade de Música baixo o cántico do himno da Armada.
O buque permanecerá atracado ata a mañá do domingo 17, cando o barco máis representativo e emblemático da Armada partirá cara á súa base na provincia de Cádiz.
Con motivo desta visita, programáronse dúas xornadas de portas abertas co fin de que a poboación teña a posibilidade de visitar o buque. O mércores 13 e o xoves 14 estará aberto ao público de 9.00 a 13.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde.
Este cruceiro de instrución que agora finaliza é o último dos tres que conmemoran o V Centenario da Primeira Circunnavegación, completada por 18 heroes, que arribaron a España capitaneados por Juan Sebastián de Elcano, que dá nome a este buque.
O barco visitou os países que achegaron mariños á expedición orixinal hai 500 anos, con paradas no Pireo (Grecia) e Civitavecchia (Italia) e Saint-Maló (Francia), ademais das cidades españolas de Barcelona, Santander e A Coruña.
A viaxe completouse coa visita a varios portos americanos, sendo o primeiro deles San Juan de Porto Rico; o segundo, A Habana en Cuba; e o terceiro e último, Miami en Estados Unidos.