Porto convida a cociñeiros pontevedreses á inauguración do reformado Mercado do Bolhão
Por Redacción
O proxecto Pontevedra Capital Gastro cruza fronteiras. A Cámara Municipal do Porto convidou ao Concello a unha xornada de showcooking centrada na gastronomía pontevedresa. O escenario será o restaurado Mercado do Bolhão, un dos principais focos de interese turístico e patrimonial da cidade lusa.
Esta atractiva proposta de colaboración foi abordada esta mesma mañá no transcurso dun encontro que o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, mantivo na Câmara Municipal do Porto co seu presidente, Rui Moreira, e co seu xefe de gabinete, o profesor Fernando Vasco Ribeiro (profesor de Comunicación da Universidade do Porto).
A recepción, na que se trataron algúns dos principais proxectos e iniciativas que ambas as cidades teñen en marcha, produciuse cando Moreira viña de visitar as obras de rehabilitación integral executadas no enorme edificio do Mercado do Bolhão, nas que a Câmara lusa efectuou un forte investimento económico.
"O proxecto Pontevedra Capital Gastro namorou ao presidente da Cámara do Porto e o seu gabinete plantexoume a organización desta xornada de showcooking centrada exclusivamente na marca gastronómica da nosa cidade e nos nosos cociñeiros", confesou o concelleiro Iván Puentes.
Avanzou Puentes que "o obxectivo desta colaboración é que ambas as cidades teñamos ocasión de promocionar a nosa gastronomía local e o traballo dos nosos cociñeiros, polo que a visita da delegación pontevedresa a Porto, prevista para o mes de setembro, terá a súa réplica cunha visita dunha comitiva de cociñeiros portugueses a Pontevedra".
Este tipo de iniciativas de promoción de Pontevedra Capital Gastro están recollidas dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Concello de Pontevedra, subvencionado con 2 millóns de euros dos fondos Next Generation, dos que 600.000 euros están reservados concretamente ao fomento da marca gastronómica pontevedresa.
Relacionadas:
-
Pontevedra promete unha proposta "potente" para ser a Capital Española da Gastronomía 2023
Por Alejandro Espiño |
-
Unha viaxe no tempo aos anos 50 para dar a merecida homenaxe á cociña das avoas
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A cafetería Moi Bo posiciónase como o mellor lugar de almorzos da cidade
Por Manu Otero |
-
Carmela Silva e Lores asinan un convenio para organizar PonteSan, Ponteciencia e o GastroLab
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |
-
Promoción do destino Rías Baixas na feira de turismo familiar de Bilbao
Por Redacción |
-
Rubén González, de El Cafetín, autor da mellor tapa de Galicia
Por Redacción |