A lonxa do Grove comercializou 94,3 toneladas de centola a pasada campaña
Por Redacción
O Consello da Xunta analizou un informe sobre os resultados da campaña da centola en 2021-2022 a partir dos datos de primeira venda deste recurso nas lonxas e centros de venda autorizados de Galicia que reflicten os mellores datos en canto a capturas da serie histórica, que se remonta a 1997.
A poxa desta especie acadou neste período cifras récord ao comercializarse máis de 676.000 quilos, o que confirma o bo estado do recurso en augas galegas, onde está sometido todos os anos a un plan de xestión aprobado pola administración en consenso co sector.
Estes preto de 700.000 quilos supoñen un incremento do 7% con respecto á anterior campaña 2020-2021, que tamén resultou ser unha das mellores desde que se teñen rexistros. En termos de ingresos, os centros de primeira venda facturaron preto de 6 millóns de euros, cun incremento tamén próximo ao 7%.
A lonxa do Grove comercializou 94,3 toneladas de centola a pasada campaña.
Os centros de primeira venda facturaron preto de 6 millóns de euros
O informe da Consellería do Mar destaca que, dos preto de 700.000 quilos de centola que se comercializaron nas lonxas galegas na campaña 2020-2021, a maioría pertencen a lonxas da provincia da Coruña (385.600 quilos), seguidas das da provincia de Pontevedra (265.000 quilos) e das de Lugo (25.900 quilos).
Por centros, a lonxa da Coruña foi a que máis cantidade despachou (172.000 quilos), seguida das de Ribeira (105.000 quilos) e O Grove en terceiro lugar.
Na pasada campaña participaron preto de 850 embarcacións de artes menores que descargaron unha media global de 3.500 quilos de centola ao día, co que a media por buque se situou nos 800 quilos. Estes datos tamén converte á campaña que acaba de rematar na máis eficiente da serie histórica. Compre lembrar que a veda comezou o pasado 25 de xuño nas provincias da Coruña e Pontevedra e na de Lugo o pasado día 2.
Estes resultados dan continuidade á evolución das vendas deste crustáceo nos últimos anos, o que apunta a un bo estado biolóxico da especie "froito das medidas de xestión adoptadas", apunta a Xunta.