Abre o parking central de Ponte Caldelas, con tempo limitado a tres horas
Por Redacción
Un aparcamento en pleno centro da vila, de estancia rotatoria e cun tempo limitado a un máximo de tres horas cada día. Así é o coñecido como parking central, que abriu as súas portas este venres en Ponte Caldelas para dar servizo a residentes e visitantes.
O obxectivo é que os usuarios teñan tempo para realizar as súas compras, facer xestións ou acudir a todas as actividades de cultura e lecer que se organizan no municipio.
O goberno municipal instalou unha sinal vertical na que se indica que os coches poden estacionar de luns a domingo un máximo de tres horas ao día. Con esta iniciativa preténdese evitar que o parking se converta nun aparcamento de todo o día.
Para garantir o cumprimento da norma, faranse roldas de vixilancia e, pasadas as tres horas, poderá haber sanción.
Os traballos para habilitar este aparcamento foron executados pola empresa Zona de Obra e tiveron un custe de case 67.000 euros.
O parque conta con árbores, xardín, zona verde, bancos, papeleiras e con iluminación. Só queda pendente a colocación das luminarias laterais que a empresa adxudicataria dos traballos aínda non puido instalar debido a problemas no subministro de material.