Portos de Galicia e Bueu achegan posturas para abrir o peirao á pesca recreativa "coas maiores garantías"
Por Redacción
O ente público Portos de Galicia e o Concello de Bueu achegan posturas sobre a xestión da pesca recreativa no peirao deste localidade. Despois da regulación aprobada o pasado verán e de que semanas atrás o Concello rexeitase un convenio proposto pola entidade autonómica, este mércores unha nova reunión permitiu empezar a chegar a acordos.
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, mantiveron este mércores unha xuntanza na que abordaron distintas cuestións relacionadas coa ordenación portuaria deste municipio pontevedrés e, entre elas, as distintas posibilidades de colaboración para o control da pesca recreativa no peirao da vila.
A corporación municipal de Bueu aprobou en Pleno a principios de xuño unha moción pola que rexeitaron o convenio remitido por Portos de Galicia que consideraron "improcedente e inoportuno" ao entender que Portos de Galicia pretendía que a entidade local asumira tarefas de vixilancia e sinalización das zonas nas que estaría permitida a pesca recreativa, así como as posibles responsabilidades patrimoniais derivadas do exercicio desta actividade.
Agora, neste nova reunión, traballaron, segundo Portos de Galicia, "co obxectivo de avanzar na autorización da pesca de lecer coas maiores garantías tanto para os pescadores como para a actividade propiamente portuaria".
A finalidade do ente público é, segundo insisten, alcanzar acordos de colaboración neste eido con outros Gobernos locais e avanzar no que xa se fixo cos concellos de Cervo, Malpica, Muros, Porto do Son e Ribeira.
A reunión tamén tratou distintas cuestións relativas a melloras en zonas municipais vencelladas co ámbito portuario, un asunto que ambas partes se comprometeron a analizar detidamente para comprobar a viabilidade de posibles actuacións conxuntas.
Este encontro dá continuidade á visita que Susana Lenguas realizou a mediados de xuño a Bueu e ten como finalidade avanzar na seguridade das instalacións portuarias , facilitar a actividade dos seus usuarios e facer seguimento das obras de mellora que Portos de Galicia ten proxectadas para este concello.