A Deputación asume os 2,1 millóns de euros da reforma do CEIP Daría González con críticas á Xunta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves as obras que se levarán a cabo no CEIP Daría González, na Cidade Infantil Príncipe Felipe, que están orzamentadas en 2.132.126 euros que asumirá a administración provincial.
"É incríble, o teño que denunciar, que non sexa a Xunta a que se faga cargo do orzamento de rehabilitar esta edificación", dixo Carmela Silva.
Este centro educativo foi construído na década dos anos 70. Consta dun edificio de tres plantas, con patio exterior con xardín e horta. Actualmente está moi deteriorado, o que impide que poida desenvolver axeitadamente a súa actividade. As obras que saen agora a licitación teñen un prazo de execución de oito meses.
Carmela Silva lembrou que a educación é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, e lamentou que os anteriores responsables políticos da Deputación "non firmaban os convenios coa cabeza, os firmaban cos pés" polo que agora é a entidade provincial a que debe facerse cargo do mantemento e conservación do edificio.
O obxectivo final das obras é converter ao CEIP Daría González nunha "referencia de ensino público" da cidade de Pontevedra. Algo no que tamén fixo fincapé o director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Manuel García Cendón que sinalou que, neste propósito, xunto ao "grande esforzo" na reforma do edificio vai parello ao acordo ao que chegou a dirección coa Xunta para estabilizar o claustro de profesorado e poder ter un bo proxecto educativo, algo que non sucedía ata este ano.
A presidenta da Deputación anunciou que o proxecto foi presentado ao Programa de Impulso a la Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (Pirep Local), enmarcado dentro dos Fondos Next Generation e nos próximos meses agárdase que o Goberno do Estado tome unha decisión sobre os proxectos que vai financiar, se ben o do CEIP Daría González "cumpre ao 100% co que se reclama para ser financiado con este recursos".
A reforma proxectada contempla o cambio da cuberta, realizar un reforzo estrutural da fachada e substituír as carpinterías, así como mellorar a habitabilidade, accesibilidade, conservación e eficiencia enerxética do edificio.
Relacionadas:
-
O goberno provincial aproba o expediente para licitar as obras do CEIP Daría González
Por Redacción |
-
325.000 euros para cambiar as escaleiras de emerxencias no Centro Escola Fogar do Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
O Plan Concellos achega novas axudas para Vilagarcía, Campo Lameiro, Poio e Bueu
Por Oskar Viéitez |