Da India a Pontevedra para imaxinar unha nova sociedade
Por Redacción
Poonam Pandey é doutora en Ciencias Políticas pola Jawaharlal Nehru University de Nova Delhi que, como beneficiaria dunha axuda María Zambrano, incorporábase nas últimas semanas ao campus de Pontevedra.
Participa na Post-Growth Innovation Lab, unha "das bolsas máis prestixiosas para candidatos posdoutorais en España", como salienta Pandey.
Para ela esta convocatoria ofrécelle a oportunidade de traballar co grupo impulsado polo investigador Mario Pansera en Pontevedra ao abeiro do proxecto Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation in a post-growth era), financiado polo Consello Europeo de Investigación.
Tras ser seleccionada na convocatoria de axudas impulsada pola Universidade de Vigo, Pandey formará parte ata finais de 2024 dun grupo de investigadores que define como "excepcionalmente talentoso, diverso e internacional".
Tal e como recolle o Diario da Universidade de Vigo, cunha traxectoria investigadora centrada na innovación responsable e a gobernanza das tecnoloxías emerxentes, Pandey foi previamente bolseira posdoutoral nas universidades de Maastricht e Técnica de Berlín e traballou ata 2021 como investigadora do Indian Institute of Sciences (IISc) de Bangalore.
Desde agosto do pasado ano ata este mes de abril, exerceu como profesora asistente de políticas públicas na Flame University de Pune, no estado indio de Maharashtra, e desde hai unhas semanas forma parte dun "grupo fantástico", que reúne investigadores de diferentes países. "Somos un crisol, non só de campos de estudo interdisciplinares, senón tamén de culturas de todo o mundo", salienta esta investigadora.
Forma parte do equipo de traballo do proxecto Prospera, dirixido a analizar como sería posible unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, explorando novas formas de organizar a produción máis sustentables e xustas.
Trátase dun proxecto que pon foco nos "debates poscrecemento", como sinala Pandey.
Así mesmo, a investigadora colaborará tamén co proxecto europeo H2020 JUST2CE, dirixido por Pansera e coordinado polas universidades de Vigo e Autónoma de Barcelona e centrado en analizar como promover unha transición cara unha economía circular que, ademais de permitir a preservación dos ecosistemas, sexa á súa vez socialmente xusta.
Nese senso, Pandey pon de relevo como as diferentes liñas de traballo do Post-Growth Innovation Lab "comparten unha visión común de imaxinar unha ‘nova sociedade’ que valora e se preocupa pola xustiza social, a solidariedade, a humildade e a inclusión", e salienta nese senso como que tanto "o meu traballo ata este momento como a dirección futura da miña investigación comparten estes valores"
A análise do que implican a investigación e innovación responsables desde a perspectiva do chamado "sur global" constitúen, como destacan desde o grupo de investigación, o eixo do traballo máis recente de Pandey, quen na India levou a cabo estudos sobre a gobernanza da biotecnoloxía e nanotecnoloxía agrícola, a participación pública nos proxectos de transición enerxética, as políticas de biocomustibles ou a vulnerabilidade dos sistemas agrarios.
"As ideas dominantes sobre crecemento, innovación, tecnoloxía e desenvolvemento están tan popularizadas que a miúdo pintan un cadro moi estándar do mundo, con problemas estándar e solucións estándar", alerta Pandey, quen lembra que con estas visións hexemónicas "marxínanse outros puntos de vista, desde outras posicións, creando deste modo vulnerabilidades sistémicas".
"No Post-Growth Innovation Lab continuarei o meu traballo de pensar sobre alternativas a estas visións dominantes", engade Pandey que lembra nese senso que "a investigación e a innovación son esforzos de creación de mundos", o que á súa vez implica que o seu estudo pode contribuír á "creación de novas visións do mundo".