Baixan as temperaturas ata que volva o anticiclón o mércores
Por Redacción
As temperaturas remitirán en Galicia este luns e martes, xa o mércores experimentarán unha nova subida, aínda que non será outra vaga de calor como as sufridas estes días. É dicir, serán valores normais para este período.
MeteoGalicia prevé ceos con nubes e claros nas próximas datas. Mesmo, haberá precipitacións o luns e o martes.
O embolsamento de aire frío que estivo durante días anteriores no Atlántico achégase durante a xornada do luns a Galicia, dando lugar a ceos con alternancia de nubes e claros con chuvascos treboentos pola tarde e noite. Brétemas costeiras no litoral altlántico. As temperaturas sufrirán un notable descenso. Os ventos soprarán do suroeste, frouxos en xeral, moderados no litoral noroeste.
Aínda durante o martes estaremos baixo a influencia do embolsamento de aire frío en capas altas, que tanta inestabilidade xerou nas pasadas xornadas, movéndose neste día cara á Bretaña francesa. Con esta situación, agárdanse ceos con intervalos nubrados e precipitacións ocasionais, máis probables pola mañá na metade oeste de Galicia. As temperaturas sufrirán novamente un notable descenso. Os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos en xeral, moderados no litoral noroeste.
Na xornada do mércores Galicia volve a quedar baixo infuencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse bancos de néboa matinais en zonas de interior, que darán paso a alternancia de nubes e claros, con menos nubes canto máis ó sur. No terzo norte os ceos estarán nubrados, con algúns orballos ocasionais. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán do nordés, moderados na costa con intervalos fortes no litoral atlántico, frouxos aumentando a moderados no interior.