"O goberno de Lores sempre necesitou chivos expiatorios, chámese Ence, Xunta ou, como neste caso, Sanxenxo"
Por Natalia Puga
O Concello de Sanxenxo amosou este venres o seu malestar pola decisión do Concello de Pontevedra de presentar alegacións ao prego de condicións do novo servizo do ciclo a auga da localidade e considera que están a buscar nesta localidade costeira un "chivo espiatorio".
A concelleira do ciclo da auga de Pontevedra, Carme da Silva, anunciou que se alegaría polo custo da auga que recolle o contrato, pois o Concello capitalino ten estipulado que os concellos da Ría que captan auga do río Lérez paguen 0,183 euros por metro cadrado e no prego de condicións dese novo contrato fálase de pagar 0,1 euros, practicamente a metade.
"O goberno de Lores sempre necesitou chivos expiatorios, chámese Ence, Xunta ou, como neste caso, Sanxenxo, e especialmente cando goberna Telmo Martín", sinalan desde o Concello de Sanxenxo, que engaden que aínda non recibiron as alegacións.
A través dun comunicado, o Concello de Sanxenxo sinala que lle gustaría manter as mesmas boas relacións institucionais con Pontevedra que as que mantén con outros concellos e administracións con independencia do partido que as xestione, pero esta actitude do Goberno local pontevedrés que dirixe Miguel Anxo Fernández Lores complícao.
Nas súas declaracións deste xoves, Carme da Silva negou que existira un proceso xudicial polo prezo da auga, pero desde o Concello de Sanxenxo sinalan que se ven na obrigación de lembrarlle ao Concello de Pontevedra, "por enésima vez", que non ten razón.
Así, recordan que "os tribunais lle quitaron a razón en reiteradas ocasións na súa pretensión de fixar un prezo unilateral a unha auga que non é súa, senón un ben público que xestionan Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño".
Relacionadas:
-
A escaseza na reserva de auga obriga a elevar o nivel de alerta pola seca
Por Alejandro Espiño |
-
Medidas contra a seca en Sanxenxo: restrinxe o uso de auga para piscinas, lavado de coches e lavapés das praias
Por Redacción |
-
Pontevedra alegará ao contrato do ciclo do auga de Sanxenxo ao entender que quere pagar a un custo menor do real
Por Natalia Puga |