Dous paseos polo Bosque de Colón abren as visitas teatralizadas en Poio
Por Redacción
Poio vén de estrear o programa de visitas teatralizadas que impulsa para difundir, poñer en valor e dar visibilidade ao Bosque de Colón e á Casa Museo de Portosanto.
As dúas sesións iniciais da programación tiveron lugar no Bosque de Colón, que está xestionado pola comunidade de montes de San Xoán e que conta con preto de 500 exemplares de secuoias, o que o converte nunha paraxe única en Europa.
A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, salientou a gran acollida destas sesións e o interese dun espazo natural de gran atractivo.
Nestas citas, de 90 minutos de duración, as persoas participantes tiveron ocasión de coñecer as orixes do Bosque de Colón. A plantación das secuoias realizouse en outubro de 1992, dentro dos actos de conmemoración dos 500 anos da chegada ao continente americano.
Ademais, o equipo de Leucoíña Pasea desvelou diferentes curiosidades desta especie, así como os seus beneficios desde o punto de vista medioambiental.
Como non podía ser doutro xeito, a figura de Cristóbal Colón foi tamén protagonista, a través dunha narración dramatizada sobre a súa chegada a América en 1492. Tamén tivo lugar un xogo de pistas no que tomaron parte as persoas inscritas.
As visitas teatralizadas volverán en agosto, os días 18, 19 e 20, e terán lugar na Casa Museo de Portosanto, ás 11.30 horas. Este ciclo de visitas pecharase o 1 de setembro, ás 19.00 horas, cunha última convocatoria no bosque.
Estas visitas guiadas están pensadas para persoas maiores de seis anos e son totalmente gratuítas, se ben requiren de anotación previa no correo turismo@concellopoio.org.
Relacionadas:
-
Os 31 anos do bosque de secuoias que puxo Poio no radar de Estados Unidos
Por Redacción |
-
Repaso á relación entre a muller e o mar a través da tradición e os labores pesqueiros
Por Redacción |
-
As visitas teatralizadas á Casa Museo de Colón xa están en marcha
Por Redacción |
-
A Casa Museo de Colón ofrece obradoiros sobre historia e cultura
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Abertas as inscricións para as visitas teatralizadas á Casa Museo e ao Bosque de Colón
Por Redacción |
-
"Nova etapa" para a Casa Museo de Colón que activa un plan de dinamización
Por Redacción |