Haberá un amplo dispositivo para garantir a seguridade durante a Festa da Auga de Vilagarcía
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, expresou este venres a "máxima dispoñibilidade e colaboración" por parte da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para garantir a seguridade en Vilagarcía durante este verán e, particularmente, durante a Festa da Auga.
A subdelegada do Goberno presidiu este venres a Xunta Local de Seguridade do Concello da Vilagacía, xunto o alcalde, Alberto Varela. Ao encontro tamén asistiron o coronel xefe da Garda Civil, Simón Venzal, o comisario provincial da Policía Nacional, Juan José Díaz, o comisario local accidental, a concelleira de Festexos, Tania García, e responsables da Unidade de Policía Autónoma e da Policía Local.
Durante a reunión, Maica Larriba puxo as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "a total disposición do Concello" para, de maneira coordinada coa Policía Local, a UPA, e os servizos municipais, establecer os dispositivos necesarios durante os actos de celebración destas festas, que se agardan multitudinarias. Neste sentido, Maica Larriba advertiu que "tras dous anos de pandemia e suspensión dos festexos, este ano espérase que máis de corenta mil persoas acudan a Vilagarcía nestas datas".
A subdelegada remarcou a importancia da coordinación institucional pero, "sobre todo, da responsabilidade individual para que todas e todos poidamos gozar duns festexos seguros".
O operativo de seguridade, no que participarán os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da Policía Autonómica e da Policía Local de Vilagarcía, contará ademais co implicación da Unidade de Prevención e Reacción da Policía Nacional de Vigo, "que reforzará a seguridade durante a noite e día da festa principal", explicou Larriba. A subdelegada informou de que a Policía Nacional mobilizará tamén un escuadrón de cabalería para reforzar a vixilancia nas zonas de praia.
Dentro do operativo especial deseñado para garantir a seguridade durante as celebracións, a Garda Civil de Tráfico porá en marcha durante toda a fin de semana varios dispositivos de control móbil de consumo de alcol e drogas. Así mesmo, a Unidade de Policía Autónoma de Galicia aportará unha patrulla para o control "da venta de alcol a menores e o seu consumo neste rango de idade".
Amais, instalarase un hospital de campaña na praza da Peixaría para poder atender de maneira rápida e eficiente pequenas feridas e contusións.
Doutra banda, Maica Larriba encomiou o punto violeta que o Concello instalará durante as celebracións "para previr calquera tipo de agresión machista".
Relacionadas:
-
Ecoloxistas en Acción denuncia o despilfarro en Vilagarcía con motivo da Festa da Auga
Por Redacción |
-
Policías e sanitarios reforzan a súa colaboración para as festas de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A rúa Alejandro Cerecedo de Vilagarcía, cortada ao tráfico os martes e sábados pola mañá ata o 21 de agosto
Por Redacción |
-
Unha mostra percorrerá a partir do venres 5 as primeiras catro décadas da Festa da Auga
Por Redacción |
-
"Aquí non chega", unha exposición sobre a Festa da Auga a través das súas camisetas
Por Redacción |