A historia da cidade, a través da arquitectura e de vídeos curtos para chegar mellor aos escolares
Por Natalia Puga
Oito vídeos de curta duración xa colgados na conta de Youtube do Concello de Pontevedra axudarán a divulgar a historia da cidade a través da arquitectura e usando unha linguaxe accesible para todos os públicos.
O concelleiro de patrimonio histórico, Xaquín Moreda, presentou este mércores estes novos materiais, que completan a unidade didáctica dirixida aos colexios de Pontevedra que impulsou o seu departamento meses atrás.
Xaquín Moreda lembrou que un dos obxectivos que ten a súa área municipal é dar a coñecer a historia da cidade entre un público diverso e amplo e que este traballo que agora se presenta é continuidade da unidade didáctica e do videoxogo chamado Ponte Veteri.
Estes vídeos están pensados para o público en xeral e, de forma especial, como material explicativo para que o profesorado use na aula. Así, está pensada en oito entregas que van desde a lenda do Teucro ata a historia máis recente do século XXI.
Para elaboralos, contouse cos mesmos autores que a unidade didáctica, Taller Abierto, e usouse material xa elaborado para aquel proxecto. Nesta liña, Moreda lembrou que se busca apostar pola economía circular de aproveitamento ao máximo dos recursos.
Os vídeos teñen ao redor de dous minutos de duración e nestes momentos están colgados na canle de Youtube, pero no futuro está pensado crear unha páxina web oficial que recolla todos estes materiais.
Os oito vídeos son os seguintes:
- Rexurdimento Urbano: O nacemento de Ponte Veteri
- Convento de Santa Clara: Da vida en clausura á apertura á cidadanía
- As prazas: Os baleiros da trama urbana medieval
- Moureira: O barrio mariñeiro
- Santa María: Un proxecto dos mareantes
- A Ponte: de Turoqua a Boa Vila
- Sesmero: A transformación da Pontevedra medieval
- Século XXI: Da orixe á actualidade