Cidadáns propón unha homenaxe ao ex alcalde Rivas Fontán o día da Constitución
Por Redacción
O partido político Cidadáns (C's) Pontevedra propón que o próximo 6 de decembro de 2022, Día da Constitución, réndase homenaxe ao ex alcalde do municipio José Rivas Fontán "en recoñecemento ao seu labor constitucional na nosa cidade" e tamén que o nomeen “fillo predilecto” de Pontevedra.
O partido político lembra que hai 40 anos o alcalde de Pontevedra era Rivas Fontán e que foi líder sindical do movemento de mestres, deputado constituínte nas filas da UCD de Adolfo Suárez entre 1977-1979, o primeiro secretario xeral da Xunta de Galicia (1978-1979) e o primeiro alcalde democrático de Pontevedra (1979-1991).
Para este partido é "un dos políticos imprescindibles" para entender a historia recente de Pontevedra e aquela época política de España. Pola súa traxectoria, e en recoñecemento de todo ese labor, propoñen esta homenaxe.
Buscan "enxalzar ante os máis novos e en xustiza da memoria viva" a Rivas Fontán como figura destacada da transición en Pontevedra e como membro da Orde do Mérito Constitucional.
RENOVACIÓN E MASCOTA
O pasado mes de xuño, Cidadáns - Partido da Cidadanía renovou a súa cúpula directiva en Pontevedra e presentou á súa nova mascota, 'Laranxiño', unha chiscadela á conmemoración do Mundial de Fútbol de España 82.
Incorpórase á directiva de Cidadáns José Andrés López Santomé, veciño de Xeve, que asume o cargo de secretario e responsable de Administración e Loxística.
A directiva tamén a integran, como coordinador, David Díaz e, como responsable de relacións institucionais, José Rivadulla Lage.
Relacionadas:
-
Admiten a trámite a proposta de Ciudadanos para nomear a Rivas Fontán fillo predilecto de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cs anuncia unha "consulta cidadá ad hoc" para saber o "sentir real" de Pontevedra sobre ENCE tras as municipais
Por Redacción |
-
Cidadáns confirma a David Díaz como candidato á alcaldía de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cidadáns reármase en Pontevedra con David Díaz á fronte: "Nin estamos mortos, nin estamos de parranda"
Por Alejandro Espiño |