Pedro Campos seguirá presidindo o Real Club Náutico de Sanxenxo co seu sétimo mandato
Por Redacción
O Real Club Náutico de Sanxenxo reelixiu a Pedro Campos Calvo-Sotelo para que continúe presidindo este club por sétimo mandato consecutivo.
Leva no cargo desde 1999 e, tras ser escollido, Pedro Campos mostrou o seu agradecemento ás persoas asociadas por depositar a súa confianza no traballo realizado e confirmou que mantén a mesma ilusión que desde o primeiro día para abordar os proxectos.
Tamén resaltou que, co seu equipo directivo, continuará desenvolvendo o deporte da vela e as actividades sociais do club. Tamén está prevista a colaboración con outros clubs náuticos e coas Reais Federacións de España e Galicia. Ademais, apuntou que se manterá a boa relación coas institucións, especialmente coa Xunta e co Concello de Sanxenxo e destacou o labor dos patrocinadores privados para seguir contribuíndo a "a promoción do nome de Galicia e de Sanxenxo no mundo".
Precisamente, Pedro Campos e o Real Club Náutico convertíanse en epicentro mediático durante o mes de maio deste 2022 coa visita do rei emérito Juan Carlos I a Sanxenxo, aloxándose no domicilio do regatista.
A xunta directiva estará composta inicialmente co vicepresidente César Elízaga; comodoro Joaquín Ariza; vice-comodoro Luís de la Peña; secretario Isidoro Sabell; vice-secretario Modesto Prieto; tesoureiro Jaime Muntaner; contador Carlos Casas; vogais Mo El Husseiny, Raúl López, Félix de la Calle, Fernando Casas e Mauricio Sánchez-Bella.