As obras de drenaxe na PO-308, na zona de Areas, empezarán nas próximas semanas
Por Redacción
Adxudicadas á empresa Construcciones Rafer S. L., por un importe de 45.390,48 euros as obras para o acondicionamento da drenaxe transversal na estrada PO-308.
As obras de mellora, segundo anunciou a Xunta de Galicia, iniciaranse nas vindeiras semanas e consistirán na mellora da drenaxe superficial da marxe dereita da estrada PO- 308, na zona de Areas, entre os puntos quilométricos 14+200 e 14+250.
Esta zona é semiurbano e conta con numerosos accesos a vivendas adxacentes á estrada. Onde non existe acceso, a drenaxe está constituída por unha cuneta pola que non é posible o tránsito de peóns.
Para permitir un tránsito peonil seguro, executarán unha canalización soterrada para as augas pluviais e conducir a auga ata un sumidoiros situado á altura do punto quilométrico 14+390. Para iso, instalarán unha canalización subterránea unindo todos os pasos.
Sobre a canalización habilitarán unha superficie transitable para o paso dos peóns, cun pavimento de formigón e coa mesma pendente transversal suave que o firme da estrada para facilitar a circulación de persoas. No tramo máis próximo a Sanxenxo adaptarán a pendente da cuneta.
Ademais, nos entroncamentos entre os pasos salvacunetas e a cuneta pisable instalarán sumidoiros e arquetas de conexión que leven as augas superficiais á canalización subterránea. Para evitar que o aparcamento de vehículos invada a zona de tránsito peonil, cada dous metros e medio instalarán balizas de polietileno.