Aberto o prazo de inscrición para a ruta en caiac de "Depo auga" na Illa de Arousa
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra xa ten aberto o prazo de inscrición para a última das actividades desta segunda edición de Depo Auga, o programa de deporte sostible de rutas guiadas por ríos ou praias de diferentes concellos da provincia nunha táboa de paddle surf ou nun caiac.
A derradeira deste ano terá lugar o domingo 4 de setembro na Illa de Arousa cunha ruta en caiac pola contorna, e ata o Illote Areoso se as condicións do mar o permiten. Esta actividade dispón de un total de 44 prazas, que se distribuirán en 2 quendas de 22 persoas en cada unha e o punto de encontro para as persoas que participen será Punta Ouriceira.
O programa da Deputación dá resposta a prácticas deportivas que cada vez contan cun maior número de persoas afeccionadas e a unha das formas máis divertidas de coñecer e sentir o deporte na natureza. Depo Auga está dirixido a persoas amantes dos deportes da natureza e aventura, maiores de 18 anos ou menores (mínimo 14 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor.
Os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da ruta, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e entregaráselles todo o material necesario para realizar as actividades.
As persoas interesadas en participar nestas travesías guiadas de aproximadamente unha hora e media de duración, xa poden inscribirse a través do formulario que atoparán na páxina web da Deputación. En caso de que se completen as prazas habilitarase unha lista de agarda.