Ao choio no PP de Poio para preparar o seu programa electoral ás eleccións municipais
Por Redacción
O presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, presentou este venres o equipo redactor do programa para as próximas eleccións municipais, que traballa nun documento "para gobernar Poio a partir de 2023".
O traballo de redacción do programa estará coordinado polos concelleiros Rocío Cochón e Tucho Muíños, os mesmos que se encargaron da elaboración do documento co que a formación popular concorreu á anterior cita coas urnas.
"Volven ter a miña confianza e a de todo o partido para elaborar o programa para 2023", o único pensado "para gañar as eleccións e gobernar para os veciños desde o minuto uno", defendeu Moldes.
Segundo explica o representante do PP o seu programa estará centrado nas demandas dos veciños, contando con achegas da veciñanza de todas as parroquias, colectivos, empresarios ou expertos "para articular a alternativa ás políticas dos últimos 27 anos e especialmente á etapa do Tripartito, o peor goberno da historia do Concello".
En concreto Tucho Muíños será o encargado de elaborar a parte máis técnica do programa, mentres que Rocío Cochón ocuparase de coordinar a parte política e a inclusión das demandas veciñais.