Restaurantes e tendas de traxes anticipan o regreso triunfal da Feira Franca
Por Oskar Viéitez
A Feira Franca regresará ao grande. Así o anticipa a gran expectación xerada por esta festa que se celebrará o venres 2 e o sábado 3 de setembro e que recrea o pasado medieval da Boa Vila.
A gran solicitude de reservas para comer o sábado nos restaurantes levou a algúns establecementos para colgar o cartel de completo. O prezo medio do menú está nos 35-40 euros por persoa.
Tamén se viu como no último mes proliferan os establecementos que venden ou alugan traxes para caracterizarse con roupa medieval. Algúns son locais que ata hai pouco estaban baleiros pero que agora reabren as súas portas de maneira efémera con motivo da Feira Franca, que nesta edición terá como protagonista ao río Lérez e á ponte do Burgo.
Os números oficiais, ofrecidos polo Concello, sinalan que haberá 172 mesas para comidas e ceas de particulares en rúas e prazas, 111 mesas de negocios de hostalería na vía pública e 91 postos no mercado medieval.
Estas reservas aínda están lonxe de "tope" alcanzado no ano 2019 cando houbo 250 mesas de particulares e 150 de hostalería, en total foron 400 banquetes na vía pública. Aquel ano houbo 70 postos de venda, 33 de alimentación e 37 de artesanía.
O programa deste ano desta Festa de Interese Turístico aínda non foi presentado, pero cada ano inclúe a representación do transporte do viño, un torneo medieval, espectáculos de cetrería, tiro con arco e esgrima ou exhibicións de música e danza.