Retiran unha gaiola metálica camuflada no medio do monte de Paredes para cazar de xeito ilegal
Por Redacción
Unha patrulla do servizo de protección á natureza da Garda Civil retirou nas últimas horas unha gaiola metálica que se atopaba camuflada nunha zona de monte de Paredes, en Vilaboa.
Segundo os expertos do Seprona, esta gaiola tiña fins cinexéticos prohibidos.
O artefacto, cuxa presenza foi detectada e advertida por varios veciños da comunidade de montes, tiña no seu interior unha bolsa con ósos a modo de cebo.
Estes métodos están considerados como artes prohibidas para a caza, por tratarse de medios non selectivos no referente á captura de animais e constitúe unha infracción moi grave á Lei de Caza de Galicia.
A Garda Civil abriu unha investigación para depurar responsabilidades e tratar de identificar as persoas que colocaron esta gaiola no monte.