Podemos estuda a "fórmula" coa que se presentarán ás municipais en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Haberá papeletas de Podemos nas próximas eleccións municipais de 2023. Así o confirmou o seu secretario xeral en Galicia, Antón Gómez Reino. "Levamos tempo traballando", sinalou en Pontevedra con respecto aos plans da súa formación.
En todas as cidades galegas, incluída Pontevedra, haberá candidaturas "nas que participe Podemos", sinalou Gómez Reino, que avanzou que se activou un proceso interno no partido que culminará en en prazo de dous meses.
Será entón cando a formación violeta conte con "referentes" en cada unha das cidades e, unha vez elixidos, "os compañeiros verán a fórmula" na que se presentarán ás urnas.
O líder de Podemos en Galicia considera "fundamental" seguir a "filosofía" que marca a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, coa súa plataforma Sumar.
"Temos que sentarnos con colectivos das cidades e abrir o noso espazo político á sociedade", sinalou Antón Gómez Reino.
Nas últimas eleccións municipais, celebradas en 2019, Podemos optou por presentarse, xunto con Esquerda Unida, á marxe dos seus antigos socios de Marea. Con José Ramón Otero como candidato, lograron 1.260 votos e non lograron representación na corporación.