Marín prepárase para as festas da Virxe do Porto
Por Redacción
Marín celebrará as festas da Virxe do Porto a vindeira semana.
Para o 8, 9 e 10 de setembro o Concello ten preparada unha programación coa que chegarán ao punto álxido da primeira quincena de setembro, antes de que chegue o tradicional San Miguel.
Ás 12:00 horas do xoves 8 de setembro arrincará a festa cunha misa e procesión onde actuará a Coral Lembranzas, a agrupación Airiños de San Xulián e a Banda da Escola Naval Militar.
Pola tarde, a partir das 18:30 horas, haberá o espectáculo infantil 'Con Tom y Son' na Alameda e ás 19.30 horas iniciarase o pasarrúas con Máis Cantos. Ese día, ademais, estará a Asociación Bolimar palillando na Alameda, entre as 10.30 e as 14.00 horas.
O venres celebrarase a IX Edición da Noite Estrela, unha "oportunidade única para apoiar o comercio local", e ás 21.00 horas será na Alameda o concerto de Luar na Lubre.
Finalmente, o sábado 10 de setembro, ás 22.00 horas, será a quenda do grupo Quinkillada, que actuará na Alameda.
Desde o Concello indicaron que a programación queda supeditada a unha posible cancelación ou cambio de data en función das previsións meteorolóxicas.