O programa de actividades da Consellería de Benestar de Poio inclúe varias novidades
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social e Mocidade do Concello de Poio, Rosa Fernández, vén de dar a coñecer a programación de actividades que desde a Casa Rosada se vai a impulsar ao longo de todo o curso 2022-2023, desde este mesmo outono.
Ademais de iniciativas xa plenamente consolidades e que contan cunha gran participación, como poden ser as sesións de ximnasia para persoas da terceira idade ou o Saudemente, nesta ocasión tamén se introducen importantes novidades.
Unha delas ten que ver co uso das novas tecnoloxías. Trátase de 'Mellor Acompañados', un taller que terá lugar os días 13, 20 e 27 de outubro, de 10.00 a 13.00 horas, de carácter gratuíto e que está impulsado pola Fundación Amigos de Galicia. Estas clases teñen como obxectivo axudar ás persoas maiores de 65 anos a aprender a desenvolverse cos teléfonos móbiles de nova xeración, caxeiros automáticos ou con aplicacións como a do Sergas.
Outra novidade é a sesión, tamén gratis, 'Lévate ben coa túa máquina de coser', un monográfico sobre o uso deste tipo de utensilio, que será o venres 30 de setembro na Casa Rosada, de 17.00 a 20.00 horas. As persoas que teñan interese en continuar con este tipo de sesións terán a oportunidade no obradoiro de corte e confección, que, en principio, terá unha duración trimestral, se ben podería prolongarse en función da demanda. As clases serán luns e mércores en dous grupos: de 17.00 a 19.00 e de 19.00 a 21.00 horas, cun prezo de 22 euros mensuais.
Pola súa banda, desde o mes de outubro os luns, de 17.00 a 19.00 horas, a monitora Ana Alfonsín ofrecerá clases de calceta e 'crochet' para todos os niveis de aprendizaxe. Neste caso, a cota mensual será de 35 euros.
Asemade, os venres, no mesmo horario e totalmente gratis, volve o Espazo Tecedoras de Palabras, unha iniciativa que vai máis alá dun grupo de sesións sobre técnicas de calceta, gancho ou bordado, xa que tamén “busca ser un espazo de convivencia, no que todas as persoas poidan achegar as súas experiencias coas demais”, indica a edil de Benestar Social.
SAUDEMENTE, XIMNASIA, TEATRO E CORAL
A partires do mes de outubro tamén volven actividades xa plenamente consolidadas, como o Programa Saudemente, pensado para persoas maiores e que na súa anterior convocatoria contou con máis de 100 participantes, cunha media de idade superior aos 80 anos. Como xa é habitual, esta iniciativa terá un carácter itinerante e se levará a cabo na Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira e Vilariño. Neste caso, a cota mensual será de 10 euros.
As clases de ximnasia (tai-chi) tamén retornan, nas mañás dos luns, mércores e venres, entre as 10.00 e as 12.00 horas en dous grupos distintos, cun prezo de 12 euros ao mes.
Tamén retoma a súa actividade o grupo de teatro para adultos, os venres de 19.30 a 21.00 horas na Casa Rosada, así como a coral (xoves, de 17.00 a 19.00 horas).
Rosa Fernández indica que o pagamento das cotas deberá realizarse a través de conta bancaria e que calquera dúbida pode resolverse chamando ao 986872401.
"Apostamos por unha programación variada, na que a aprendizaxe, os hábitos saudables e a diversión son os grandes piares, para que as persoas maiores dispoñan de actividades ata o mes de xuño", finaliza a concelleira de Benestar Social, que nos vindeiros días tamén dará a coñecer as iniciativas impulsadas desde o departamento de Mocidade.