Condenado un condutor sen carné que circulaba "errático" e cheirando a alcol, negouse ao test e fuxiu da Garda Civil
Por Redacción
Un condutor co carné de conducir retirado porque perdera todos os puntos foi condenado de novo por catro delitos despois de ser detectado nun control da Garda Civil conducindo sen permiso e bébedo, negarse a realizar a proba de alcoholemia e fuxir dos axentes cun empurrón.
Os feitos sucederon en xuño de 2020 e xa en abril deste ano houbo unha sentencia condenatoria do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra. Despois de que o condutor condenado presentara un recurso, este verán a Audiencia Provincial de Pontevedra confirmou o primeiro fallo.
A sección segunda da Audiencia rexeitou o recurso de apelación e confirmou a condena por catro delitos: condución baixo a influencia do alcohol, negativa á práctica da proba de alcoholemia, resistencia a axente da autoridade e condución sen permiso.
En total, foi condenado a tres meses prisión, multa de 30 meses cunha cota diaria de 10 euros -isto é, 9.000 euros- e á privación do dereito a conducir vehículo de motor e ciclomotores durante 2 anos, 5 meses e un día. As multas deberá pagalas en mensualidades de 375 euros cada unha.
Segundo consideraron probado os dous xulgados, conducía tras consumir bebidas alcohólicas que "limitaban a súa capacidade de atención o e reflexos", polo que ía dun lado a outro do carril.
Axentes da Garda Civil deron o alto ao vehículo, xa que viran a condución "errática" deste condutor e, cando falaron con el, constataron que cheiraba a alcohol, estaba suado e tiña os ollos brillantes.
Os axentes pedíronlle que realizara a proba de alcoholemia, pero el negouse a facela, a pesar de que o advertiron das consecuencias de non efectuar a proba.
Mentres os axentes estaban no lugar, achegouse a eles e, tras dar un empurrón a un garda civil, escapou.