A VIII Festa do Pan de Millo e do Ovo de Cotobade homenaxea o gaiteiro Secundino Míguez 'Tinolo'
Por Redacción
Máis de 55 anos de actividade, oito deles en compañía do histórico Ricardo Portela, é a bagaxe do gaiteiro Secundino Míguez 'Tinolo', e o motivo polo que se lle rendeu homenaxe na VIII Festa do Pan de Millo e do Ovo de Cotobade.
O acto contou coa presenza de Jorge Cubela, os concelleiros Pepe Pichel, Fernando Vázquez, Lourdes Ovelleiro e membros da Corporación Municipal así como directivos da Asociación Cultural Foula, organizadora do evento gastronómico e musical.
A VIII Festa do Pan de Millo e do Ovo, que volve celebrarse despois de dous anos de parón pola pandemia, tiña preparados máis dun milleiro de ovos fritos con pan de millo para servir entre os seus asistentes.
Pola súa banda a animación musical da xornada contaba na súa programación cos Gaiteiros das Rías Baixas, Pandereteiras do Val de Quireza, a Banda de Música de Tenorio, Magín Blanco, Metalxis, Os D'Arbo e Bruxo do Río.