A ocupación hoteleira en Poio durante a tempada estival foi do 64%
Por Redacción
O concello de Poio pechou a tempada estival acadando unha ocupación media, entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, do 64,6%.
Así figura no informe elaborado polo departamento de Turismo, dirixido pola tenente de alcalde, Silvia Díaz, en base á información achegada polos establecementos hoteleiros regulados do municipio que estiveron operativos durante o verán, entre os que se inclúen hoteis, apartamentos, casas rurais, albergues e pensións.
O pico de ocupación rexistrouse durante a primeira quincena de agosto, cando se rozou o 95%, o mellor dato nos últimos anos nese período. Con respecto ao tramo final da tempada, correspondente ás dúas primeiras semanas de setembro, o índice de reservas chegou ata o 40%.
"O que nos traslada o sector é que, en liñas xerais, as expectativas do verán cumpríronse e agora toca seguir traballando para que esta actividade continúe a consolidarse como un dos principais motores económicos do municipio", sinala a concelleira de Turismo.
No caso da porcentaxe correspondente a setembro, Silvia Díaz recoñece que "os datos previos á pandemia da COVID-19 son máis elevados, pero hai que ter en conta que durante estas dúas últimas semanas rexistráronse varios días de chuvia e mal tempo". Outro factor a ter en conta foi o adianto do inicio do curso escolar con respecto a anos anteriores, o que provocou que se resentise o turismo familiar, moito máis consolidado durante xullo e agosto.
OFICINAS DE TURISMO
Con respecto á actividade rexistrada nas oficinas de turismo, situadas na Escola do Campo de Combarro e no Casal de Ferreirós (San Salvador), prestouse asesoramento a máis de 700 persoas.
Máis do 10% corresponderon a visitantes estranxeiros, chegados desde países como Holanda, Inglaterra, Irlanda, Arxentina, Francia, Alemaña, Portugal e Israel. Con respecto ao turismo nacional, a meirande parte de visitantes chegaron de Madrid, Euskadi e Andalucía.
Relacionadas:
-
A Deputación prepara a reforma e cesión ao Concello da Casa Barroca de Combarro como recurso turístico
Por Redacción |
-
O esplendor da Illa de Tambo conquista ás autoridades da comarca
Por Redacción |
-
"Agosto histórico" para o turismo, co 100% de ocupación en vivendas vacacionais
Por María José Pita |